A UIE de Abanca e Microsoft asinan unha alianza

xoves, 10 de novembro do 2022 S. P.

A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) e Microsoft veñen de asinar unha alianza para capacitar e certificar aos seus estudantes nas tecnoloxías punteiras e disruptivas especialmente demandadas polas empresas. A través de Microsoft AI Business School e UIE, os estudantes do campus da entidade galega Abanca formaranse e descubrirán, “dunha maneira práctica”, todas as posibilidades da aplicación da Intelixencia Artificial na contorno empresarial.
O acordo, segundo fixeron saber as dúas entidades, inclúe a posta en marcha de proxectos docentes e de investigación, con especial foco na aplicación de tecnoloxías innovadoras á sustentabilidade ambiental
A alianza, que foi rubricado este xoves 10 de novembro na Coruña por Miguel Ángel Escotet, reitor da Universidade Intercontinental de la Empresa, e Alberto Granados, presidente de Microsoft España, pretende, nas súas palabras, “impulsar a transformación dixital da entidade universitaria e aplicar a innovación tecnolóxica na formación dos seus estudantes, capacitándoos coas habilidades que demandan realmente as empresas”.
O acordo, sinalaron, tamén fortalecerá a vertente innovadora da UIE, que complementa o seu modelo presencial individualizado (aplicado aos programas de grao e mestrado nos campus da Coruña e Vigo) con mentoring, titorías e uso integrado de tecnoloxías interactivas e accións en remoto. Isto reforzarase grazas á incorporación de solucións Microsoft orientadas a mellorar a comunicación e colaboración entre docentes, persoal de administración e estudantes. Neste senso, “o uso de Microsoft 365 Educación ou Teams, permitirá á universidade proporcionar experiencias de aprendizaxe máis flexíbeis, atractivas e inclusivas”, engadiron.
O acordo contempla, así mesmo, o traballo conxunto entre Microsoft e a Universidade Intercontinental da Empresa na posta en marcha de proxectos docentes e de investigación, facendo especial fincapé naqueles centrados na sustentabilidade. “O mercado laboral demanda cada vez máis profesionais formados cunha combinación de coñecementos e habilidades STEM, como a IA, o uso de datos ou a computación cuántica, con outros especializados en sostibilidade, polo que fai falla moito talento dixital para facer fronte á enorme demanda de dixitalización de todo tipo de empresas e organismos en España, non só do sector tecnolóxico, senón de calquera ámbito de actividade”, explicou Escotet.
Microsoft axudará á UIE a ofrecer “unha proposta de formación innovadora” que inclúa as competencias dixitais que require o sector empresarial, mellorando así, a empregabilidade e incorporación ao mercado laboral dos seus alumnos.
Amais, os estudantes dos distintos graos e mestrados da universidade terán ao seu dispor a tecnoloxía Microsoft Learn, plataforma en liña aberta, organizada por itinerarios, titoriais paso a paso e contornas interactivos que facilitan unha aprendizaxe práctica. Trátase dun modelo de capacitación e certificacións oficiais nas tecnoloxías máis innovadoras de Microsoft, como a computación na nube, ciencia de datos ou Intelixencia Artificial, que “axudarán aos estudantes da UIE a diferenciarse e mellorar as súas posibilidades profesionais”, segundo fixeron saber Escotet e Granados.

PUBLICIDADE