A UDP crea unha comunidade dixital para as asociacións de maiores do Estado

venres, 8 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Segundo informa a web do PEGSI da Consellería de Innovación, a Rede vai estar a partir de outono máis preto dos nosos maiores. Máis polo miúdo, do que se trata é de que Internet lles saia ao paso ás asociacións de persoas de idade, e así o fai saber a Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados de España (UDP) a través dun proxecto financiado polo Ministerio de Industria. A raíz desta iniciativa, que xa podemos ver avanzada e reflectida no portal www.mayoresudp.org, unha boa cantidade de asociacións galegas de maiores podería verse beneficiada das vantaxes comunicativas e informativas das canles dixitais, estando á súa disposición a posibilidade de poñer en marcha o seu propio espazo web.
Esta ferramenta, amais de abrirlles un oco no eido dixital, permitiríalles aos seus membros relacionarse con outros maiores de toda España e mediante a que sería a primeira rede dixital que interconecta e relaciona ás entidades de maiores máis importantes do Estado español.
Polo tanto, dentro desta comunidade en liña todos os colectivos integrantes poderán verse beneficiados por unha canle na que difundir os programas e servizos que ofrecen aos seus asociados mediante unha web propia, á que se poderá acceder a través do dito portal web.
Asemade, os contidos das páxinas serán xestionados polos maiores que forman parte das asociacións, o que pasará a dispoñelos como xestores da información dos seus propios espazos en liña, para o que recibirán cursos de formación, segundo informa a UDP nun comunicado.

PUBLICIDADE