A UDC reunirá a profesionais de Sngular para falar de tecnoloxía e traballo

mércores, 19 de abril do 2023 S. P.

Será a vindeira semana, o 26 e 27 de abril, cando teñan lugar no salón de actos da Facultade de Informática da Coruña unha serie de charlas relacionadas coa tecnoloxía e o traballo da man da iniciativa tecnolóxica Sngular e a Universidade da Coruña (UDC) cun aforo de 500 persoas.
Dende Sngular adiantan que neste encontro participarán unha escolma dos profesionais que conforman o seu equipo, os cales falarán sobre as tecnoloxías, paradigmas e ferramentas que empregan para facer un software de calidade. Asemade, trataranse máis temas: como usar o Machine Learning aplicado ao IoT (Internet das Cousas), sobre como as novas tendencias en IA poden axudar aos nosos clientes a mellorar e ser máis produtivos, etc. No dito evento haberá tamén unha serie de obradoiros onde experimentar o que fan os profesionais de Sngular no seu día a día. Os obradoiros terán un aforo máximo de 36 persoas. Cómpre indicar ao adquirir a entrada se se está interesado en asistir a eles ou non. Engadir que estes obradoiros levaranse a cabo nun dos laboratorios dos que disporá a Facultade para ese efecto situado a continuación do propio Salón de actos.
Entre os coloquios haberá 15 minutos de descanso para tomar café e algúns aperitivos. Na hora do xantar, Culler Veggie coordinará o servizo de cátering para todos os asistentes (todo está incluído no prezo da entrada e habilitarase un espazo preto do Salón de Actos).
Indo ao programa: o día 26 de abril de 9:45 a 10h darase a benvida e presentación. De 10 a 11h intervirá David Bonilla, Chief People Officer (CPO) de Sngular, Founder de Manfred, cerebro da bonillista e moitas cousas máis, quen nos falará sobre o estado actual da industria do software na súa charla A Industria do software máis aló do tobo de coello. De 11 a 12h nesa mesma xornada intervirá Fran Moreno (QA Team Director) e Octavio Alamo Santana (QE Manager) falándonos do establecemento e desenvolvemento de testing en empresas na súa charla Agile Testing en Empresas, poderase experimentar o que é traballar con el no obradoiro: Cypress in action, onde se realizarán test visuais de aplicacións web. De 12 a 12:30h pausa para café. De 12:30 a 13:30h será a quenda de Ivan García Sain-Aja (Senior Software Engineer de Sngular), falaranos sobre desenvolvemento áxil e rápido con ZenWave SDK, sistema de deseño e creación de microservizos con arquitecturas DDD e Api First na súa charla ZenWave SDK: Practical DDD e API-First. Amais, poderase experimentar como probar arquitecturas hexagonais no seu obradoiro Estratexias de testing en arquitecturas hexagonais. De 13:30 a 14:30h Jerónimo Agulló (Embedded Software Engineer en IOT), explicaranos como combinar o machine learning e os dispositivos IOT para facer maxia no aire na súa charla Zephyr RTOS e TinyML. De 14:30h haberá un descanso para xantar e o resto da tarde terán lugar os obradoiros xa citados.

PUBLICIDADE