A UDC presenta un paquete de medidas tecnolóxicas para aplicar no vindeiro curso

venres, 12 de xuño do 2009 Raquel Noya

A vicerreitora de Estudantes e Relacións Internacionais da Universidade da Coruña, María José Martínez, vén de dar conta dun paquete de medidas tecnolóxicas que a devandita entidade académica está a poñer en marcha e que implican unha mellora na atención aos estudantes, algunhas das cales están xa en funcionamento e outras comezarán a partir do vindeiro curso.
Deste xeito, Martínez informou de que todos os alumnos da UDC que se matriculen no vindeiro curso académico terán que formalizar a súa matrícula a través de Internet, algo que ata o de agora era opcional pero que a maioría dos alumnos xa viñan facendo para acceder ás súas prazas máis comodamente.
Outra das medidas que a vicerreitora anunciou responde a unha petición dos propios estudantes, que solicitaron a posibilidade de recibir as notas provisionais dos seus exames e probas aos teléfonos móbiles a través de SMS.
“Os estudantes que queiran acollerse a esta opción”, informou Martínez, “terán que dar o seu consentimento previo”, cumprindo así coa Lei de Protección de Datos. Tanto Martínez como Victor Carneiro, o adxunto á vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías que tamén asistiu á presentación das medidas, insistiron en que a este servizo poderán acollerse os alumnos e alumnas de todas as facultades e escolas da UDC, que queiran evitar ter que desprazarse ata os centros unicamente para saber a nota dos exames.
Entre as medidas de carácter tecnolóxico e innovador nas que está a traballar este organismo atópase, asemade, a edición da Guía da UDC que se lle entrega xunto coa documentación de matrícula aos estudantes e que este ano levará incorporado un código bidimensional que lle permitirá aos alumnos e alumnas, conectarse á páxina web da Universidade da Coruña a través dos seus teléfonos móbiles para obter máis información.
María José Martínez remarcou que este servizo será de balde se os alumnos se conectan dentro da área WiFi dos campus da Universidade da Coruña, mais “terá un custe económico se os estudantes acceden dende fóra do devandito espazo”. Martínez explicou asemade que, debido á imposibilidade de editar toda a información de interese nunha soa guía, a UDC decantouse por incorporar esta nova tecnoloxía que permitirá ter ao alumno informado con detalle de todos os temas da vida académica que lle sexan de interese.

PUBLICIDADE