A UDC oferta un innovador programa formativo para traballadores de empresas e institucións

martes, 18 de abril do 2023 S. P.

Na mañá deste martes 18 de abril presentábase no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol o novo programa de cursos de formación continua para traballadores de empresas e institucións, ao que acudían: o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares. Deste xeito, o Campus Industrial de Ferrol desenvolveu o dito catálogo de cursos especializados para persoal de empresas e institucións impartidos por profesorado da Universidade da Coruña (UDC).
Con este catálogo quérese facilitar a actualización das competencias profesionais do persoal ante os novos retos sociais e tecnolóxicos. Profesorado e persoal investigador do Campus Industrial impartirán esta formación a demanda das empresas e institucións, adaptándose ás súas necesidades (en contidos, duración, formato e datas de celebración). Así, estableceranse varios niveis segundo os coñecementos previos do alumnado: de seminarios básicos a cursos avanzados, en formato presencial, teleformación ou mixto.
O reitor explicou na súa intervención que este catálogo está destinado á recualificación do persoal traballador en activo. “É importante que as universidades colaboremos no proceso de reciclaxe dos traballadores e traballadoras porque os cambios tecnolóxicos e a dixitalización xeran novas maneiras de traballar”, declarou Abalde, subliñando que “é un fito que o Campus Industrial de Ferrol estea atento ás necesidades das empresas e poña a capacidade de formación do noso profesorado ao seu servizo”. O reitor avanzou ademais que a Universidade da Coruña está traballando nun programa de formación ao longo da vida, cun sistema de microcredenciais.
Segundo apuntou Ana Ares, a idea destes cursos xurdiu da observación das necesidades de empregabilidade das empresas. “Fíxose un estudo bastante profundo das necesidades das empresas e en función diso e coas capacidades dos nosos investigadores fíxose o encaixe para construír o catálogo”, explicou.
A directora do Campus Industrial apuntou ademais un agradecemento á colaboración con Siemens xa que iso permite achegar formación especializada en xemelgo dixital.
A oferta inclúe un total de 45 cursos, cunha oferta que vai desde Introdución á aplicación de adhesivos á industria deica Tecnoloxía láser de potencia, A eficiencia enerxética baseada en Big Data aplicada na súa empresa ou Avaliación de riscos laborais. Este catálogo de oferta formativa está orientado principalmente a traballadores de empresas dos sectores naval e oceánico, loxístico-portuario, enerxético, industrial, téxtil, automoción ou metal-mecánico. Non obstante, aquelas persoas interesadas a nivel particular poden presentar igualmente a súa solicitude e, no caso de acadar un número mínimo de asistentes interesados, abrirase unha convocatoria aberta ao público en xeral.
O Campus Industrial da UDC é o primeiro campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia e ten á industria intelixente e á fabricación avanzada como os seus eixos principais. Este pioneiro catálogo formativo intégrase no Plan de formación continua en industria intelixente do Campus Industrial e busca dar resposta á necesidade de actualización permanente dos traballadores, derivada da innovación tecnolóxica e as novas demandas da sociedade.
Para máis información cómpre visitar a web do Campus Industrial de Ferrol.

PUBLICIDADE