A UDC, o SERGAS e GAIN colaborarán en proxectos de tecnoloxías da saúde

luns, 9 de outubro do 2023 S. P.

A Universidade da Coruña, o Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) colaborarán en proxectos de innovación e investigación conxuntos. Así o acordaron nun protocolo formalizado este luns 9 de outubro o reitor, Julio Abalde, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e o xerente da área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio.
O acordo emana do interese conxunto da Universidade da Coruña, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e Deseño (CIS Ferrol) e o Servizo Galego de Saúde, a través da Área Sanitaria de Ferrol (ASF) en colaborar para a realización de proxectos de innovación e investigación. As tres institucións contan para estas iniciativas compartidas con diversas temáticas de influencia, nas que poden xurdir proxectos das áreas de Realidade Virtual e Aumentada, así como de materiais e impresión 3D.
Na actualidade teñen planificado xa un calendario de encontros para analizar as posibilidades que trae consigo este convenio, así como as áreas concretas de traballo.
As tres entidades materializan coa sinatura deste convenio unha relación previa, na que xa existían contactos de investigación en materia da área TIC e de imaxe médica, e que a partir de agora, sinalaron, “será moito máis fluída, próxima e colaborativa”.

PUBLICIDADE