A UDC, o Quantum Center de Fujitsu e o CESGA reúnense no CITIC

xoves, 28 de setembro do 2023 S. P.

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya Fernández, e o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC), Manuel F. González Penedo, recibiron na sede do CITIC ao director do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) e á nova directora xeral do Quantum Center de Fujitsu, Almudena Justo Martínez. O obxectivo da reunión, ademais de coñecer á nova directora do dito centro disruptivo, foi explorar novas vías de colaboración conxunta entre a UDC e ambos centros en materia de investigación en tecnoloxías de computación cuántica.
A creación do Quantum Center é froito dun acordo de colaboración entre a multinacional tecnolóxica Fujitsu e o CESGA co obxectivo de colaborar coas universidades galegas para impulsar a investigación en tecnoloxías de computación cuántica e promover o desenvolvemento da industria cuántica a nivel autonómico e internacional. O seu obxectivo último é crear emprego, atraer talento e asegurar futuros investimentos na nosa terra. En datas vindeiras está prevista a organización dunha xornada dirixida a investigadores desta disciplina, que terá lugar, precisamente, no CITIC.

PUBLICIDADE