A UDC loce o seu portal participativo en Madrid

venres, 17 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Poden os estudantes contribuír a decidir o rumbo da universidade na que cursan unha carreira? Segundo a Universidade da Coruña, non é que poidan, que tamén, é que deben facelo. Esta é a base do Portal de Participación da UDC, presentado o pasado mes de outubro como un novo recurso dixital destinado a “facer” comunidade e a estimular nos campus o traballo conxunto (a través de propostas e debates) con estudantes, profesorado, investigadores e demais integrantes do colectivo da UDC. O portal, desenvolvido coa aplicación Consul, unha ferramenta de software libre dirixida a fomentar a participación cidadá, está a presentarse estes días no evento Cidades Democráticas que impulsa o Concello de Madrid, artífice, precisamente, de Consul. Segundo recordou alí a UDC, a universidade galega foi a primeira entidade educativa superior que puxo en marcha, en todo o eido estatal, unha canle directa e horizontal de participación na toma de decisións que implica a toda a comunidade dos campus coruñeses.
Na xuntanza madrileña (na que participan representantes de cidades, autonomías ou institucións que apostaron polo software libre Consul) está a participar a vicerreitora, Margarita Amor, quen explicou hoxe nun relatorio a experiencia da posta en marcha desta plataforma na UDC.
Previamente, o encontro inaugurouse onte coa presenza da directora de Governance Lab, Beth Noveck, quen liderou a iniciativa do goberno aberto do ex-presidente dos Estados Unidos, Barack Obama.
As intervencións continuaron esta mañá, con distintos relatores, entre eles a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria. Margarita Amor, que cualificou a posta en marcha do Portal de Participación como “un primeiro paso que garante a comunicación directa entre o equipo reitoral cos estudantes e o persoal”. Segundo explicou, a UDC decidiu implantar este espazo web de traballo cooperativo para buscar unha canle de participación directa nos órganos de goberno que expresase “a vontade da comunidade universitaria e dos estudantes en particular”.
O Portal de Participación, segundo definiu a vicerreitora, é “unha canle de comunicación na que o equipo de goberno da Universidade escoitará a toda a diversidade da comunidade universitaria para camiñar cara a unha universidade que se basea no principio de eficacia, democracia, transparencia e transversalidade”.
A vicerreitora lembrou que dende a súa posta en marcha, a novo portal recibiu preto de 1.500 visitas e subíronse tres propostas: Que os Fillos de Breogán poidan xogar no Estadio de Elviña ao fútbol gaélico, con 47 apoios; Habilitar contas de correo IMAP para os alumnos, con 19 apoios; Creación dunha banda de música da UDC, con 4 apoios.


PUBLICIDADE