A UDC implícase nun salón virtual sobre a oferta académica de 55 universidades

luns, 22 de febreiro do 2021 Redacción

A Universidade da Coruña informa hoxe dos detalles da súa participación na mostra virtual organizada por CRUE Universidades Españolas, a exposición UNIferia Graos 2021. Trátase, máis polo miúdo, dun salón virtual de balde sobre a oferta académica de 55 universidades, que celebra a súa terceira edición do 22 ao 24 de febreiro. En marzo, do 2 ao 4, será a quenda da segunda edición de UNIferia Máster.
Esta iniciativa ten como obxectivo mellorar as canles de comunicación entre o alumnado e as universidades e garantir a igualdade de oportunidades sen as limitacións que ata o de agora presentaban as feiras de Educación Superior tradicionais.
UNIferia Graos ofrece de forma personalizada, a través dunha plataforma virtual, todos os datos precisos sobre as titulacións ofertadas por máis de medio centenar de institucións: sistemas de acceso, itinerarios formativos, plans de estudos, posibilidades de internacionalización ou programas de bolsas e axudas.
Cun formato 2D, accesíbel e adaptado aos dispositivos móbiles (responsive), o salón permite aos usuarios interactuar por vídeo-conferencia cos diferentes servizos de información e orientación das institucións participantes. Ademais, salienta a UDC, as universidades amplían o seu radio de acción espazo-temporal, podendo manter os seus contidos na web de UNIferia ata a celebración da próxima edición.
O pavillón está composto polos postos das universidades e todos eles contan con blogue, chat, correo electrónico, vídeos, oferta académica e ligazóns ás súas correspondentes páxinas web. Do mesmo xeito que as feiras tradicionais, este pavillón terá tamén diferentes salas de conferencias, cun aforo limitado, onde as universidades poderán realizar vídeo-conferencias sobre diferentes temas de interese.
A Universidade da Coruña, seguindo a iniciativa posta en marcha o ano pasado, traballa nunha nova edición das Xornadas de Portas Abertas Virtuais, co obxectivo de mostrar ao futuro alumnado a oferta académica dos Campus da Coruña e Ferrol, que será a principios do mes de abril.
O alumnado poderá interactuar cos centros e obter información directa así como solucionar posíbeis dúbidas. Ademais, a UDC ofrecerá información xeral de todas as titulacións que se imparten así como da vida universitaria con explicacións das actividades de cultura, deporte, etc que están en disposición de realizar o alumnado universitario.

PUBLICIDADE