A UDC fortalece a súa excelencia coa incorporación de dous novos investigadores

mércores, 24 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vai contar con dous novos investigadores do ámbito computacional e político-cidadá. Trátase de José A. Iglesias Guitián, investigador en Ciencias da Computación e experto en cálculo de alto rendemento visual e gráfico, e Mónica Ferrín, investigadora en Ciencias Políticas, nova democracia e participación cidadá. As novas incorporacións, que traballarán na UDC a través do programa InTalent (proxecto singular de colaboración entre a UDC e Inditex para captar talento e xerar coñecemento avanzado dende Coruña), foron presentadas oficialmente este mércores polo reitor Julio Abalde, e o vicerreitor Salvador Naya.
Na súa intervención, Mónica Ferrín mostrou a súa satisfacción por volver a Galicia “despois de vinte anos fóra” e agradeceu efusivamente ao programa InTalent UDC-Inditex que faga posíbel este retorno.
Pola súa banda, José Iglesias sumouse aos agradecementos á multinacional e á UDC “por ter feito realidade este acordo que nos trae de volta a casa”, no seu caso foron doce os anos que estivo fóra de Galicia.
O reitor cualificou o día de hoxe como “moi importante para a Universidade da Coruña”, salientando que o programa InTalent é xa un sinal de identidade polo que “a UDC é recoñecida a nivel internacional”. Asemade, subliñou o feito de que dos seis investigadores incorporados ao abeiro da iniciativa, tres sexan mulleres: “Non foi un efecto buscado porque as solicitudes avalíanse en base ao seu currículo académico e profesional, pero é moi satisfactorio ter esta paridade e ademais incorporar investigadores de todas as áreas de coñecemento”.
Nesta terceira convocatoria do InTalent UDC-Inditex presentáronse 106 solicitudes de investigadores do máximo prestixio de 26 nacionalidades, como puxo de relevo o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia.
Segundo explica a Universidade da Coruña, José A. Iglesias Guitián é investigador en Ciencias da Computación. A súa especialización é a computación visual e a computación gráfica. Actualmente traballa no Centre de Visiò per Computador e é investigador asociado da Universitat Autònoma de Barcelona, colaborando tamén como docente. Anteriormente traballou durante case dous anos para The Walt Disney Company e Disney Research. Incorporarase á UDC no vindeiro mes de setembro. Ao longo da súa carreira investigadora publicou 14 artigos en revistas, nove dos cales están publicados no top 3 na listaxe de revistas referenciadas en computación gráfica. É co-inventor de tres patentes en USA e foi galardoado cun Disney Inventor Award en 2016.
Mónica Ferrín Pereira licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. É doutora en Ciencias Políticas e Sociais polo Instituto Universitario Europeo, un centro internacional para estudos doutorais e pos-doutorais financiado pola Comisión Europea e os estados membro da UE. A súa tese doutoral Que é a democracia para os cidadáns? (What is democracy to citizens?) obtivo o Premio Juan Linz á mellor tese doutoral en Ciencia Política polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais.

PUBLICIDADE