A UDC entrega este luns os premios da campaña de promoción de matriculas en liña

martes, 4 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vén de dar a coñecer os nomes dos estudantes premiados por ter feito a súa matrícula mediante o emprego da Rede. Segundo apunta a UDC, son seis os alumnos que recibirán cadanseu computador. Asemade, e afondando no vieiro de fomentar o emprego das novas tecnoloxías para todo o relativo aos procesos educativos e comunicativos, a Universidade fará entrega de 100 memorias USB a outros tantos estudantes. O acto oficial de achega dos equipos desenvolverase o vindeiro luns 10 de novembro, na sala de Consello de Goberno da Reitoría (A Maestranza), ás 12.00 horas.
O acto contará coa presenza do reitor, José María Barja, e nel tamén está prevista a participación de Organización Académica e Titulacións, Ana Tarrío.
O obxectivo desta entrega de premios, como dixemos, é impulsar na medida do posible o uso de novas ferramentas para a comunicación no campus e alén del. Segundo sinala a UDC, a participación deste ano pode considerarse a todas luces de éxito, tendo en conta que se acadou unha taxa de 55,77% de inscricións feitas en liña sobre o total de matriculacións. Isto, engade a Universidade, significa un medre con respecto ao ano pasado dun 5% aproximadamente.

PUBLICIDADE