A UDC e Beckhoff xuntan forzas

luns, 6 de maio do 2019 Redacción

A empresa xermana Beckhoff Automation, referente da Industria 4.0, vai colaborar co Campus de Ferrol (Escola Universitaria Politécnica) en materia docente, investigadora e profesional. Así o fixeron saber hoxe os responsábeis de Beckhoff e a UDC (Miquel Coca, account manager da compañía, e o reitor Julio Abalde), que estiveron acompañados do director da EUP, Andrés Piñón, do profesor José Luis Calvo Rolle e de varios directivos da compañía. A finalidade do acordo é fomentar o fluxo de experiencias e persoal nos eidos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.
En termos máis concretos, a UDC e Beckhoff impulsarán o intercambio de profesionais, profesores e investigadores e favorecerán a participación en proxectos e programas de I+D. Tamén traballarán de maneira conxunta na formación e no asesoramento mutuo.
Beckhoff Automation é unha empresa alemá multinacional con presenza en España. Cunha facturación anual de máis de 800 millóns de euros e con 3.900 traballadores ofrece sistemas abertos para a automatización, baseados na tecnoloxías de control a través de computadores.

PUBLICIDADE