A UDC concorre á convocatoria das Cátedras en IA do Ministerio deTransformación Dixital

mércores, 1 de marzo do 2023 S. P.

A Universidade da Coruña, coa colaboración de Inditex, concorrerá á convocatoria do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital das Cátedras Universidade-Empresa da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA). O Ministerio, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, lanzou unha convocatoria para financiar 32 cátedras universitarias dedicadas á investigación, divulgación, docencia e innovación sobre Intelixencia Artificial (IA) e ciberseguridade. Para optar ao programa a universidade solicitante deberá participar conxuntamente cunha empresa.
A Universidade da Coruña e a multinacional Inditex chegaron a un acordo de colaboración, que se asinará proximamente, para concorrer conxuntamente a esta convocatoria dentro da área temática de Algoritmos verdes. O acordo recolle que Inditex se compromete a financiar con 300.000 euros o proxecto Cátedra UDC-Inditex de Intelixencia Artificial dentro da dita área temática, o que supón aproximadamente o 30% do custe do proxecto, cun plan de actuación para os vindeiros catro anos, no caso de que a proposta sexa seleccionada e concedida. Esta Cátedra está orientada a potenciar as actividades formativas, de investigación e de transferencia de coñecemento no ámbito da IA en Algoritmos verdes.
A participación da UDC na convocatoria de Cátedras de Intelixencia Artificial é consecuencia da declaración de interese presentada pola Universidade dentro da convocatoria de manifestación de interese sobre algoritmos verdes do Ministerio de Economía e Transformación Dixital do 15 de outubro de 2021.

PUBLICIDADE