A UDC colabora nun proxecto internacional de domótica para axudar ás persoas dependentes

mércores, 23 de decembro do 2009 Raquel Noya

A Universidade da Coruña, da man do seu Grupo de Investigación en Xerontoloxía, está a participar no desenvolvemento dun sistema robótico de acompañamento e asistencia cognitiva integrada que lle permita ás persoas maiores con dependencia mellorar a súa inclusión social e o seu coidado no fogar.
Neste proxecto, o CompanionAble, que se enmarca no VII Programa marco da Unión Europea, colaboran outras 18 institucións de 8 países, sendo a UDC a única institución académica española que participa.
Grazas a este proxecto, que consiste na combinación dun acompañante humanoide robótico móbil que pode realizar determinadas tarefas de asistencia no interior dunha casa intelixente, as persoas maiores que sofren un deterioro cognitivo crónico poden permanecer nos seus fogares durante o maior tempo posible, valéndose case por completo por sí mesmas.
Este proxecto, no que diversas fundacións, empresas e universidades levan traballando dous anos, ten un prazo total de catro anos e conta cun presuposto de 8 millóns de euros para a súa execución. Segundo indica o profesor José Carlos Millán Calenti, director do Grupo de Investigación en Xerontoloxía, “actualmente existe xa un prototipo deste robot e estase abordando a fase de análise de resultados, un aspecto no que a Universidade da Coruña tamén é pioneira”. De feito, engade, “o Complexo Xerontolóxico La Milagrosa, vinculado á UDC e o único do país dedicado á atención a maiores que foi recoñecido polo Ministerio de Industria como centro de I+D+i, foi o elixido neste proxecto europeo para testar o robot e avaliar a súa eficacia, acadando moi bos resultados”.
Xa o próximo ano, segundo vén de anunciar Millán Calenti, “o sistema probarase en diversos hospitais e centros de maiores dos países que colaboran no proxecto”.
O acompañante humanoide ten capacidade de recoñecer caras e de poñer en marcha videoconferencias, móvese por toda a casa e desenvolve as funcións de teleasistencia máis completas mediante novas tecnoloxías, facilitando un seguimento continuo e integrado para detectar situacións de emerxencia. Ademais, incorpora ferramentas para mellorar a estimulación cognitiva dos receptores destes coidados, coa vantaxe de ofrecer este servizo en calquera lugar da casa, o que constituirá un beneficio e impacto importantes para as persoas que sofren soidade.
A principal aportación da Universidade da Coruña a este proxecto son as aplicacións que incorporará o robot no relativo a estimulación cognitiva a través de numerosas actividades, a axenda médica, mediante a que os usuarios poderán obter información xeral sobre prevención de enfermidades, para realizar rehabilitacións en vivo, consultar a dispoñibilidade dos profesionais que a atenden, con horarios de consulta e posibilidade de concertar citas, así como establecer videoconferencias con eses profesionais para formular preguntas que se responden de inmediato, de maneira que se reducen os tempos e as listaxes de agarda ou as horas de consulta.

PUBLICIDADE