A UDC amosará a 60 persoas metodoloxías para mellorar o ensino na era dixital

venres, 7 de xullo do 2017 Redacción

Este 10 de xullo comeza na Coruña, na Facultade de Ciencias da Educación, unha actividade formativa sobre docencia na era das novas tecnoloxías: docencia empregando as TIC e docencia botando as man das TIC. O Curso de verán Docentes conectados: o reto de educar na era dixital será inaugurado polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Manuel Peralbo. O curso, ao que están apuntados preto de sesenta participantes, ten como finalidade “propiciar un lugar de debate entre os profesionais do ensino para intercambiar ideas e experiencias sobre a práctica docente, así como para a aprendizaxe de técnicas, metodoloxías e recursos para mellorar o proceso de ensino nun contorno dixital”.
O programa da actividade formativa está artellado en varios obradoiros e conferencias plenarias. A conferencia inaugural, prevista para as 10.00 horas do luns, leva como título Discapaciquén? e correrá a cargo de Fátima García Doval, doutora en Didáctica e Organización Educativa: Investigación e Innovación pola Universidade de Santiago de Compostela. Co-directora de ACCEGAL e directora ata 2014 do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago. Actualmente é responsábel do Servizo de Formación do Profesorado na Consellería de Educación.
O curso pecharase o martes, ás 18h., coa intervención Nativos dixitais? Nin están nin se sabe deles de Javier Pedreira, Wicho, coautor do libro Los nativos digitales no existen e editor do blog Microsiervos.com. Esa tarde, antes da conferencia de clausura, presentarase un panel de experiencias innovadoras no ámbito educativo en Galicia: da área de ESO/Bacharelato, Ciencia cidadá, de José M. López Viñas, do IES David Buján; da área de FP, Guía turística plurilingüe en liña do profesor Miguel Ángel Rubio Bajo, do CIFP Rodolfo Ucha, de Ferrol; e do ensino universitario, Fomentando a responsabilidade social nos estudantes de enxeñaría a través de distintas experiencias de aprendizaxe-ensino, da profesora Ana Isabel Ares Pernas, da EU. de Deseño Industrial da UDC.

PUBLICIDADE