A UDC amosa a súa colaboración na xornada sobre móbiles e meteoroloxía do día 25, no CESGA

venres, 19 de outubro do 2012 Redacción

A cita convocada para o vindeiro 25 de outubro polo CESGA co obxectivo de informar e debater de novas aplicacións para móbiles ou webs sobre meteoroloxía, cita da que falamos cumpridamente o días pasados, contará coa colaboración (entre outros apoios) da Universidade da Coruña. E farao principalmente a través do seu Grupo de Arquitectura de Computadores, impulsor xunto con outras entidades do proxecto Interreg RAIA.co, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica, do que xorde precisamente este evento. O proxecto en cuestión está dirixido a dotar a MeteoGalicia dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o acceso a datos meteorolóxicos e oceanográficos e crear canles de acceso á información axeitados para o maior número posible de usuarios. Este proxecto será un dos piares da xornada, que se celebrará na sede do CESGA, no Campus Sur de Santiago.
O encontro, nun plano máis xeral, está destinado a usuarios avanzados, membros de grupos de investigación universitarios e desenvolvedores interesados en crear novas aplicacións a partir dos datos que publica MeteoGalicia. O Workshop RAIA.co (así se chama a xuntanza do 25 de outubro) dará a coñecer a visión da Xunta de Galicia sobre a información pública xeorreferenciada e as claves de varios servizos xeorreferenciados en meteoroloxía e oceanografía en Galicia, así como o funcionamento dos servidores THREDDS (Thematic Realtime Environmental Distributed Data Service), unha ferramenta de conectividade entre provedores de datos científicos e posibles usuarios finais. A través desta ferramenta permítese o acceso público a datos de modelos operacionais coma os de MeteoGalicia ou os do proxecto MyOcean de Puertos del Estado, datos arquivados e datos externos doutros sistemas.
Tras a inauguración ás 10.00 horas, a cargo do director de MeteoGalicia, Vicente Pérez, e o director do CESGA, Javier García Tobío, representantes de institucións e empresas que desenvolveron webs especializadas ou aplicacións para móbil como MeteoSIX (MeteoGalicia), que permiten consultar predicións ou datos de observación meteorolóxicos e oceanográficos, amosarán a continuación as características dos seus traballos. A xornada concluirá cunha mesa redonda na que se abordarán as oportunidades de negocio e emprendemento empresarial que poden achegar as coleccións de datos abertos que están publicando distintas administracións.
O proxecto Interreg RAIA.co, Observatorio Oceánico da Marxe Ibérica, está coordinado por MeteoGalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, con participación do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña (UDC), o Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

PUBLICIDADE