A UDC alíase co tecido empresarial galego para optar a axudas por 7 millóns de euros

xoves, 11 de abril do 2013 Redacción

A segunda convocatoria de FEDER-Innterconecta, fondos europeos e galegos cos que prevé a mobilización dun investimento público-privado de 150 millóns de euros, segue sumando adhesións e aspirantes. Segundo informa este xoves a Universidade da Coruña, a entidade educativa presentou á convocatoria unha serie de solicitudes por un valor de sete millóns de euros, sendo o obxectivo o de desenvolver proxectos de innovación e desenvolvemento con empresas da Coruña e a súa contorna. Lembrar que estas axudas, na súa edición galega, están xestionadas polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), sendo a súa finalidade permitir a materialización dos grandes proxectos de I+D que xurdan da colaboración empresarial cos nosos centros de investigación.
De feito, para concorrer a estas axudas, informa a UDC, é requirimento fundamental que se dea en cada iniciativa unha cooperación entre empresariado e organismos de investigación, polo que a Universidade da Coruña buscou aliados entre compañías galegas de sectores estratéxicos para o desenvolvemento do país: “En concreto, asináronse 79 contratos de I+D con 64 empresas galegas para presentar 33 proxectos a esta convocatoria, o que supón preto do 30% das propostas de I+D presentadas en Galicia, que foron 119”, informa a UDC. E engade: “Nestes contratos participan un total de 21 grupos de investigación da Universidade da Coruña destacando os ámbitos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, e as enxeñarías”. A convocatoria está dotada con 75 millóns de euros, sendo a previsión a de mobilizar 150 millóns de investimento público e privado. Destes 75, os centros de I+D só poden optar ao 15% dos recursos e o resto é para o sector empresarial. Segundo manifestou o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, este programa de fondos “é un acicate para impulsar e consolidar a colaboración entre a universidade e a empresa, nunha etapa en que os recursos económicos dedicados á I+D+i son cada vez máis escasos”.

PUBLICIDADE