A UDC achega un novo lote de material informático en empréstamo

martes, 10 de novembro do 2020 S. P.

A UDC, a través da Vicerreitoría de Estudantes e co obxectivo de loitar contra a fenda dixital nos seus campus, vén de abrir unha convocatoria para emprestar material informático ao alumnado “que careza dos medios precisos poida acceder á docencia virtual e á correspondente avaliación”. A duración do préstamo do material informático será, como máximo, até o remate dos exames do primeiro cuadrimestre o cinco de febreiro do próximo ano.
O material a ceder está composto por 41 ordenadores portátiles (Intel Celeron – 4GB de RAM; 64 GB HDD; 14,1 polgadas); 113 cámaras Wi-Fi para utilizar como Webcam; e 169 tarxetas SIM de datos da operadora Orange (90GB/mes), de cesión libre, que se activarán para un período de tres meses con posibilidade de ampliar o contrato por conta propia. O alumnado deberá posuír un dispositivo axeitado para o uso da tarxeta SIM190. A UDC lembra que a solicitude do ordenador portátil e da cámara Wi-Fi exclúense entre si, e que o prazo de solicitude comprenderá das 00.01 horas do día 11/11/2020 ata as 23.59h. do día 24/11/2020.
Este plan de préstamo é o segundo que abre a UDC este curso, ao abeiro do Programa Supera COVID, co obxectivo de “paliar a situación xerada pola crise sanitaria ocasionada pola COVID-19”, para que o alumnado, de grao ou mestrado oficiais, poida continuar coa súa formación universitaria. En total, prestaranse 89 portátiles, 226 cámaras web e 359 tarxetas de datos. Máis información.

PUBLICIDADE