A UCGAL e o Concello de Ames saen en axuda da cidadanía para as súas compras polo Black Friday

xoves, 25 de novembro do 2021 S. P.

O Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) xuntaron forzas para axudar á cidadanía a actuar coa máxima información e seguridade á hora de facer as súas compras na compaña actual do Black Friday. Por este motivo, lanzaron un decálogo de utilidade para os consumidores, froito do convenio de colaboración asinado entre a UCGAL e a Concellaría de Promoción Económica. Entre os consellos atopamos pautas a ter en conta como mercar en páxinas oficiais, non deixar gravados os datos da tarxeta bancaria ou fuxir dos prezos demasiado baixos.
Venres Negro
Este venres 26 de novembro celébrase o Black Friday ou Venres Negro. “Esta data”, explican as dúas entidades, “inaugura dende hai uns anos a temporada de compras de Nadal e converteuse nunha das datas de maior facturación para moitos negocios”. O Black Friday aterrou en España no ano 2012 e dende aquela non parou de medrar e estenderse no tempo (non limitándose ao venres en cuestión). Malia ter moitos detractores entre o comercio local, o Black Friday é unha das datas claves na facturación anual para as grandes cadeas, en parte polo interese que espertan as ofertas e os descontos que poñen en xogo.
Como mercar (ben) en Internet
Por este motivo, a Concellaría de Promoción Económica de Ames e a UCGAL publicaron un decálogo para guiar aos consumidores na compra a través de Internet e outro para utilizar a banca electrónica de xeito seguro. “O obxectivo é apostar pola prevención logo do aumento dos casos de fraudes bancarios a través da Internet”, explican, engadindo que o decálogo para as compras “con sentidiño” comeza cunha premisa básica: cómpre que non nos precipitemos á hora de iniciar unha compra en liña. Outra dar recomendacións é mercar sempre a través das páxinas oficiais de marcas e empresas e priorizar aquelas que teñen a súa sede na UE. Asemade, recórdanos que debemos eliminar os datos bancarios despois de realizar a compra ou comprobar as valoración do vendedor.
Banca electrónica
No decálogo para empregar a banca electrónica de xeito seguro encontramos consellos como o de non acceder á banca electrónica dende redes Wi-Fi públicas ou dende equipos alleos, pechar a sesión logo de cada uso ou non rebelar nunca as contrasinais de acceso. O decálogo tamén recolle a recomendación de non premer ningunha ligazón remitida por correo ou SMS da entidade bancaria, a de chamar ao número de atención ao cliente da entidade ante calquera sospeita ou a de manter actualizado o sistema operativo, navegador e antivirus do noso terminal.
“Aplicando estas 20 premisas os consumidores gañan en seguridade pero, sobre todo, en tranquilidade”, explican o Concello e a UCGAL, engadindo que “ante calquera dúbida ou consulta os consumidores poden acudir ás oficinas que a Unión de Consumidores de Galicia ten no Concello de Ames”.
Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: info@consumidores.gal ou fcarames@concellodeames.gal.

PUBLICIDADE