A Tropa Verde impulsada polo Concello de Santiago e Teimas, recoñecida en Madrid

xoves, 4 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

A iniciativa ecolóxico-tecnolóxica Tropa Verde, impulsada o ano pasado polo Concello de Santiago e pola empresa local Teimas, vén de obter un importante recoñecemento en Madrid. Máis polo miúdo, foi finalista nos XIII Premios Cidade Sostible que promove a Fundación Fórum Ambiental. O diploma foille entregado ao concelleiro Xan Duro pola ministra en funcións de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina. Compostela foi distinguida na categoría Xestión de Residuos pola devandita iniciativa, como lembraremos unha achega a cabalo entre o tecnolóxico e o medio ambiental que contou para o seu desenvolvemento coa firma Teimas e que foi adoptada pola Concello de Santiago a través do programa Smart iAGO (Compostela como Cidade Intelixente).
En termos concretos, Tropa Verde diríxese a recompensar o compromiso da cidadanía co medio ambiente e coa xestión sostíbel de refugallos (electrónicos e eléctricos, pero tamén de outros moitos tipos). Dito doutro maneira: trátase de recoñecer os esforzos das veciñas e veciños a prol da reciclaxe e o tratamento axeitado das cousas que xa non usan e que se poden reutilizar. O proxecto púxose en marcha na significativa data do 17 de maio (Día da Lingua) do ano pasado e foi concibido como un xogo responsábel cunha contorna ben concreta (as rúas de Compostela) e con recompensas a xeito de descontos e premios nos comercios e a hostalería local. Para facilitar a entrega destes residuos, o Concello de Santiago e Urbaser achegan os puntos limpos de Piñor e do Tambre, e o Punto Limpo Móbil. Tamén colaboran os centros socioculturais.
Tropa Verde conta co patrocinio de diversos establecementos do municipio, que ofertan recompensas. Estas van dende descontos en tratamentos de saúde ou menús e consumicións, ata agasallos sorpresa.
Para participarmos na iniciativa Tropa Verde temos que rexistrarnos coa nosa conta de correo ou coa de Facebook. Logo de facer depósitos de refugallos (pilas, aceites, electrodomésticos, móbiles, móbeis, etc) nos sitios de recollida indicados e habilitados, recibiremos un cheque que teremos que trocar na páxina web tropaverde.gal por unha serie de puntos en forma de estrelas que se poderán cambiar polas recompensas ofertadas. Tropa Verde comezou a súa andaina cun peso mínimo para as entregas de residuos establecido en medio quilogramo. A iniciativa foi presentada o 20 de maio de 2015 por Miguel Varela (Teimas) e Fernando Suárez (responsábel de Innovación no Concello).

PUBLICIDADE