A Toxa dará acubillo o 5 de xuño ás primeiras xornadas galegas sobre informática xudicial

luns, 10 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

O Hotel Talaso Louxo da Illa da Toxa (O Grove, Pontevedra) acolle o vindeiro día 5 de xuño a primeira edición das Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, dirixidas como o seu nome indica a afondar nos avances máis salientables rexistrados nos últimos tempos en materia probatoria neste caso de infraccións. Este encontros, que contarán coa participación activa de Víctor Salgado (director técnico da xornada), están organizados polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a máis a Secretaría Xeral de Modernización, dentro das actividades formativas inseridas no seu convenio. Amais de informar aos xuíces e maxistrados da máis recente innovación neste eido xudicial, as xornadas tamén servirán para sensibilizar sobre o que poden pór en xogo os peritos informáticos nas causas postas en marcha, amais de botar luz sobre o que se pode probar e o que non.
Os encontros van dirixidos sobre todo a maxistrados, xuíces e fiscais, principalmente dos partidos xudiciais galegos. Para inscribirse neles é preciso cumprimentar unha folla de matrícula accesible a través da páxina web do CPETIG e que dá dereito á inscrición definitiva unha vez aboado o importe requirido. O prazo ficará aberto até o 31 de maio.
O programa da xornada quedaría deste xeito:
· Presentación: 10 h.
· 1º relatorio – O Dereito ante as novas tecnoloxías - profesor Miguel Ángel Davara Rodríguez (presidente e fundador da firma madrileña de asesores xurídicos Davara & Davara, especialistas en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións)
· 2º Relatorio – Validez probatoria de documentos electrónicos e a identificación informática de persoas – Víctor Salgado (socio do bufete coruñés Pintos & Salgado, especializado na achega de solucións xurídicas no ámbito das novas tecnoloxías)
· Pausa – café
· 3º Relatorio – O inevitable da proba electrónica nos procedementos xudiciais do século XXI – Paloma Llaneza (avogado, CISA, socio director de Razona Legaltech e Presidenta de AEDEL)
· 4º Relatorio – Práctica Forense: aseguramento, cadea de custodia e análise das evidencias informáticas – Juan Salom Clotet (xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil)
· Mesa Redonda: Cara á dixitalización da práctica forense. Desafíos e retos da proba electrónica na Xustiza do século XXI. Moderador: Juan Bautista Quintás Rodríguez (maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Inverveñen: Luis María Uriarte (fiscal especialista en criminalidade informática da provincia de Pontevedra), Francisco Javier Sanz Larruga (profesor titular da UDC especializado en Administración Electrónica), Miguel Abal González (Perito Informático Experto do CPETIG), Miguel Ángel Davara Rodríguez, Víctor Salgado Seguín, Paloma Llaneza Razona e Juan Salom Clotet.

PUBLICIDADE