A Torre de Hércules e a Catedral de Santiago, entre os vinte monumentos máis populares de Instagram do ámbito estatal

venres, 29 de outubro do 2021 S. P.

Libiku, servizo comparador de alugueres vacacionais, vén de publicar o ranking dos monumentos españois máis populares na rede social Instagram, unha clasificación na que se poden consultar os principais destinos turísticos do ámbito estatal e, concretamente, os máis compartidos neste servizo. Son, en palabras de Libiku, “lugares ideais para visitar durante unha escapada ou viaxe en calquera momento do ano, e para sacarnos as mellores fotos”.
A listaxe está encabezada pola Sagrada Familia de Barcelona (2.336.000 #sagradafamilia), A Alhambra de Granada (1.684.000 #alhambra), o Parc Güell de Barcelona (350.700 #parcgüell), o Palacio Real de Madrid (255.580 #palacioreal) e a Casa Milà de Barcelona (231.000 #casamila). Os primeiros monumentos galegos en figurar na listaxe son a Torre de Hércules da Coruña (no número 12 da clasificación con 86.600 publicacións) e a Catedral de Santiago de Compostela (no número 13 con 74.000 publicacións).
Para levar a cabo este estudo tivéronse en conta máis de 200 monumentos situados en España, excluíndo aqueles de orixe natural. O número de publicacións foi obtido utilizado o buscador interno da rede social Instagram. Os datos foron recollidos entre o 21/10/2021 e 26/10/2021.


PUBLICIDADE