A Tecnópole inaugura un emprazamento de gran potencial para os nosos autónomos: o seu espazo de coworking

venres, 25 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A Tecnópole abriu este venres oficialmente un novo emprazamento físico de seu para facilitar, amais de traballo off line, actividades profesionais baseadas en boa medida nas redes, tanto a nivel de desenvolvemento e comunicación como de resultados finais. Estamos a falar do espazo de coworking do parque, que sería o primeiro da provincia de Ourense e, segundo informa o complexo empresarial (Tecnópole), único nas súas características a nivel galego. A sala, que nun principio ten seis postos de traballo, está equipada con infraestruturas e servizos de primeiro nivel para achegar a máxima funcionalidade aos usuarios potenciais, principalmente profesionais autónomos.
A idea da Tecnópole, tamén, era dotar ao espazo de traballo da máxima flexibilidade e accesibilidade económica posíbel. Así, infórmase, tanto poderá empregarse ao longo dun día (12 euros) como ao longo de varios meses (por 100 euros mensuais). Un dos elementos máis potencialmente innovadores do novo espazo é precisamente a fórmula de traballo que pon en xogo, diferente á tradicionalmente despregada pola Tecnópole, máis afeita a habilitar parcelas e niños para empresas e emprendedores, respectivamente. Agora, o parque abre unha nova e interesante vía de acubillo e servizo para traballadores autónomos que non dispoñan no seu día a día dun lugar fixo de traballo e que teñan interese por interactuar con outros profesionais. O servizo tamén se beneficia do seu emprazamento, no seo da propia Tecnópole e as súas empresas (máis de oitenta) e moi preto de tres polígonos industriais anexos de Ourense, ao que cómpre sumar a posibilidade de acceder aos niños nas tres incubadoras do Parque Tecnolóxico de Galicia “no caso de precisar espazo individualizado nun futuro”,
A nova sala de coworking, un espazo de 60 metros cadrados situado no edificio intelixente Tecnópole I, “está pensada para que os profesionais independentes da área de Ourense a poidan empregar como oficina habitual e os do resto de Galicia como enclave ocasional nos seus desprazamentos á provincia, de aí que o período de permanencia sexa totalmente flexible”, informa a dirección do parque. Os seus ocupantes, engádese, terán acceso a todos os servizos dunha oficina en réxime de aluguer (incluíndo internet Wi-Fi, salas de reunións, aparcadoiro, limpeza, seguridade, control de accesos e recepción), e todo isto con posibilidade de emprego ao longo dos 365 días do ano.
Os espazos de coworking representan un modelo de traballo novo no que os profesionais non só comparten unha situación física, senón o interese pola colaboración con outros nunha contorna aberta e multidisciplinar na que se poidan compartir ideas e proxectos; este concepto orixinouse nos Estados Unidos, de onde foi importada polas grandes cidades europeas cunha rápida extensión a núcleos de poboación cada vez máis pequenos”, informan fontes da Tecnópole.

PUBLICIDADE