A Tecnópole festexa os seus 20 anos cun encontro no que entran en xogo os cinco sentidos dos participantes

venres, 28 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) cumpre este ano seu 20 aniversario, dúas décadas de traballo no eido da investigación e o desenvolvemento de Galicia. Para festexalo, celébrase o vindeiro día 5 de outubro unha xuntanza de especial relevancia e que abre unha nova fórmula (sensorial) para este tipo de encontros na nosa terra. Á cita están convidadas/os tódalas/os empresarias/os do parque, co obxectivo de converter a xuntanza, entre todas/os, “nunha auténtica iniciativa para a promoción da cultura da innovación aberta”.
Os asistentes, informa a Tecnópole, participarán nunha experiencia que, a través de estímulos sensoriais, lles permitirá interrelacionarse e compartir coñecementos e oportunidades para colaborar en proxectos innovadores. O evento, titulado 5 Sentidos para Innovar, está dirixido ás 90 empresas e centros de coñecemento actualmente instalados na Tecnópole. “Para lograr que estes activen as súas capacidades innovadoras e as orienten a resultados concretos é fundamental que se interrelacionen”, engaden fontes do complexo empresarial galego, e engaden: “Por estes motivos, o Parque Tecnolóxico de Galicia concibiu un encontro no que propiciar dinámicas colaborativas que, unha vez testadas e experimentadas na mesma Tecnópole ao longo do tempo, poidan ser exportadas a outros parques e centros de coñecemento”.
A sala na que se vai celebrar o encontro estará distribuída en cinco espazos, cada un deles especificamente ambientado para estimular cada un dos sentidos. Haberá relatores externos, como o organizador do TEDxGalicia, Marcos Pérez, e o fundador do Instituto Ben Pensante, Daniel Álvarez, e máis un importante número de intervencións, en quendas rápidas, que irán a cargo dos empresarios, emprendedores e responsables de centros de coñecemento da propia Tecnópole, que explicarán cales son as fortalezas das súas organizacións en termos de innovación.

PUBLICIDADE