A Tecnópole acolle a presentación das axudas á I+D+i do Plan INCITE

luns, 14 de abril do 2008 Raquel Noya

Os empresarios galegos que estean interesados en presentar as solicitudes de axuda aos programas de apoio á I+D+i empresarial do Plan INCITE, impulsado pola Consellaría de Innovación e Industria, terán ocasión de coñecer en profundidade as liñas de subvención habilitadas para este ano e de resolver as súas dúbidas na xornada de presentación que terá lugar o vindeiro mércores día 16 na sede da Tecnópole, en Ourense.
A sesión informativa está organizada polo centro tecnolóxico AIMEN, en colaboración coa Oficina de Financiamento de Proxectos do Parque Tecnolóxico de Galicia, no marco do seu Plan de Promoción e Transferencia Tecnolóxica. O prazo de inscrición para asistir, de balde, remata o martes 15 de abril.
A devandita xornada vai dirixida a empresarios, técnicos e persoal de centros tecnolóxicos interesados nas posibilidades de financiamento dos seus proxectos de I+D e nos Programas de Innovación Empresarial que, na actualidade teñen aberto o prazo de solicitudes.
Os programas de información aos empresarios galegos serán expostos por unha técnica de xestión do INCITE así como por un xefe do servizo do SEGAPI (Servizo Galego de Propiedade Industrial e Vixilancia Tecnolóxica).

PUBLICIDADE