A TVG comezará a emitir en alta definición en decembro

luns, 10 de setembro do 2018 Marcus Fernández

A Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) leva meses someténdose a un importante cambio estrutural e de dixitalización, que está a entrar na súa fase final, de aí que estes días presenten a que é a súa nova redacción dixital, na que búscase mudar fluxos de traballo para adaptarse ás novas realidades do consumo televisión, especialmente no que se refire aos informativos.
A implementación tecnolóxica dos cambios deseñados nos últimos meses terá lugar ao longo do presente mes, a través dun proceso de transformación que realízase en paralelo para evitar a paralización das emisións, aínda que o grande cambio que será máis visible para a audiencia terá lugar en decembro, cando a TVG iniciará as emisións da súa primeira canle en alta definición, simultaneando as emisións coas de definición estándar para poder continuar a chegar a todos os fogares. Aínda que o salto á alta definición realizarase de xeito progresivo, pasándose a ter emisións Full HD ao longo de 2019.
As novidades da CRTVG non quedan aí, senón que para 2019 tamén está previsto o lanzamento da súa propia OTT 2.0, unha nova plataforma que achegará os contidos habituais e novas canles que a CRTVG que iranse desenvolvendo coa vocación de servizo público propia da Corporación.
Entre as novas canles, dende a CRTVG destacan que están a preparar unha canle formativa dirixida á rapazada; a segunda canle apostaría polos deportes, de xeito que as retransmisións que non teñen cabida nas canles convencionais poderán gozar dunha calidade de imaxe que dignificará ao deporte base, os deportes minoritarios e o deporte feminino.
No que se refire á Radio Galega, agora contarán cunha nova canle integral de cultura, a do Diario Cultural, que non se limitará a ofrecer os podcast do programa, senón que tamén contará con contidos exclusivos (como se fan os programas, caras B e achegas dos colaboradores).

PUBLICIDADE