A TDT supera o 10% de share

venres, 8 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Evolución da cota de pantalla da TDT en España

A Asociación para a Implantación e Desenvolvemento da Televisión Dixital Terrestre, Impulsa TDT, presentou os datos do seu último informe sobre a situación actual da Televisión Dixital Terrestre en España amosando un dato «moi esperanzador», segundo os seus responsables, posto que a audiencia da TDT aumentou ata acadar unha cota de pantalla do 10,5%.
Estariamos ante a primeira ocasión na que a TDT supera o 10% a audiencia total de televisión, e supón un incremento anual de 6 puntos. Mensualmente tamén se produciu un importante aumento da audiencia da TDT, pasando de 4,6 millóns de espectadores a 5,2 millóns en xaneiro de 2008.
Os datos de Impulsa TDT presentan uns resultados especialmente positivos no caso da Comunidade de Madrid, onde a TDT xa ten unha cota de pantalla do 18,3%.
A campaña de Nadal sería a que provocase o aumento na penetración da TDT, destacando o feito de que durante 2007 cambiou a tendencia na integración desta tecnoloxía nos televisores, que era anecdótica en 2006 e no pasado ano xa estaba presente no 68% dos televisores vendidos.

PUBLICIDADE