A TDT garante a súa supervivencia até 2031

luns, 18 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Durante a celebración da World Radiocommunication Conference 2023 (WRC-23) en Dubai organizado pola Unión Internacional de Telecomunicacións (ITU) chegouse a un acordo sobre a asignación de frecuencias para servizos de telefonía móbil a nivel mundial, para avanzar cara a nova versión da 5G e sucesivas tecnoloxía móbiles.
Entre as decisións adoptadas está a designación das frecuencias entre os 6.425 e 7.125 GHz para tecnoloxías de comunicacións sen fíos, principalmente para telefonía móbil (aínda que non impediría o seu uso para outras tecnoloxías sen fíos, como está a facerse actualmente con algunhas versións de Wi-Fi).
Pero o máis relevante para a poboación xeral sería o adiamento do que poderiamos chamar o terceiro dividendo dixital, ou sexa, que a banda entre os 470 e os 694 MHz empregada actualmente pola Televisión Dixital Terrestre quedará reservada até 2031, o que garante un período de calma para a TDT, que víase ameazada a desaparecer ou a reducir considerablemente a súa oferta de contidos ante a proliferación de servizos de telefonía móbil, que cada vez devoran máis espazo do espectro radioeléctrico.
A resolución 235, que é a que aborda esta problemática, recolle que o sector das telecomunicacións deberá analizar a situación de cara a 2031, analizando a necesidade real da banda reservada para a TDT e a conveniencia de ceder parte das súas frecuencias á banda larga móbil, o que parece inevitable, xa que a televisión terrestre ten cada día un menor consumo, e a industria diríxese a unha televisión que chegue aos usuarios finais a través de redes de datos, o que permite unha maior optimización de recursos.

PUBLICIDADE