A TDT, a banda larga e as novas canles de radio e televisión galegas, a exame

mércores, 20 de outubro do 2010 Raquel Noya

Coa chegada da TDT a todos os fogares galegos (ao igual que sucedeu no resto das Comunidades do país), a oferta televisiva no noso país pasou de ofrecer unhas poucas canles de temática xeneralista a contar cun considerable número de cadeas temáticas e especializadas (de ámbito local, autonómico e nacional) para as cales, de querer ver algo da súa programación, nos faría falta aumentarlle unhas seis ou sete horas ao día.
Por isto, e tamén porque é a primeira vez que se convoca nos últimos anos (na anterior lexislatura nunca chegou a convocarse), a última reunión da comisión permanente do Consello Asesor de Telecomunicacións de Galicia, celebrada hoxe mesmo, agárdabase como auga de maio.
Nela, este organismo abordou, entre outras cuestións, o Plan de reasignación dos múltiplex dixitais, que permitirá incrementar a oferta televisiva da TDT ata un total de 40 canais de televisión, incluíndo os de ámbito autonómico e local.
Na xuntanza, que estivo presidida por Alfonso Cabaleiro Durán, secretario xeral de Medios e presidente do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, analizouse polo miúdo o chamado Decreto do dividendo dixital que vai permitir liberar unha parte das frecuencias (os canais radioeléctricos do 61 ao 69 de UHF) que eran empregados ata o de agora por outros servizos de telecomunicacións relacionados co desenvolvemento de redes de comunicación móbiles de banda ampla.
Este decreto, segundo se constatou na devandita reunión, terá “dúas consecuencias importantes a medio prazo”: por unha banda, a aparición de novos múltiplex dixitais, que desde hai unhas semanas xa están empezando a despregar as televisións coa posta en marcha de novas instalacións nos centros emisores; e, por outra, isto vai supoñer que os múltiplex que actualmente se podían recibir nos fogares (os canais radioeléctricos do 61 ao 69 de UHF) deberán cambiar de frecuencia, o que leva aparellado a necesidade de adaptación das antenas e a resintonización dos receptores de TDT que teñen os cidadáns, cun importante custo para os operadores, as administracións e a cidadanía.

Desenvolvemento da TDT 2010-2012
Para paliar os efectos desta necesaria reestruturación, o Goberno galego, segundo vén de anunciar, “vai pór en marcha o Plan de cambio de frecuencias da TDT 2010-2012, un complemento necesario para que toda a poboación galega, especialmente no eido rural, poida disfrutar destas novas melloras no servizo de TDT”.
Con esta iniciativa (necesaria por mor dos cambios que obriga a levar a cabo o Real Decreto do dividendo dixital e tamén pola aparición da televisión en alta definición, HD) a Xunta de Galicia, segundo informa, “tenta minimizar o impacto dos cambios, recompilar toda a información necesaria, facela chegar oportunamente e comunicala á cidadanía para poder comprender e resolver as dúbidas e os problemas técnicos que se poidan plantexar. Para iso, nas vindeiras semanas convocaranse reunións informativas, especialmente orientadas ás Administracións locais, para detallar os obxectivos e eixes concretos deste plan”.

Outorgamento de licenzas de radiodifusión
A comisión permanente do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia tamén abordou a necesidade de aprobar o novo decreto que regule o réxime xurídico dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica e que permita a adaptación á Ley 7/2010, General de Comunicación Audiovisual.
A necesidade deste decreto vén motivada, ademais, pola convocatoria dun concurso para o outorgamento de 84 licenzas para a explotación do servizo de radiodifusión sonora de carácter comercial con modulación de frecuencias.

Plan de Banda Larga
A comisión permanente tamén abordou a situación e o avance do Plan Director de Banda Larga de Galicia 2010-2013, como eixe de modernización e de desenvolvemento económico de Galicia, que ten como principal obxectivo achegar a banda larga aos cidadáns, organismos públicos e tecido empresarial galego, con especial atención ás zonas máis desfavorecidas e illadas.
Neste senso, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, anunciou que “xa están en marcha máis da metade das actuacións previstas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións en Galicia”.

PUBLICIDADE