A Sociedade Pública de Aluguer colabora con idealista.com para dar a coñecer a súa oferta en Internet

xoves, 3 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

A Sociedade Pública de Aluguer (SPA), organismo dependente do Ministerio de Vivenda, vén de asinar un contrato de colaboración co portal web idealista.com para ofrecer a través do mesmo todo o produto inmobiliario que xestiona a devandita entidade.
Con esta acción, o organismo que preside Alejandro Inurrieta aposta decididamente polo emprego das novas tecnoloxías para expoñer a súa oferta e tamén para captar o produto xa que, segundo afirma, a día de hoxe, “Internet é a primeira e, en moitos casos, a única vía de acceso á información inmobiliaria”.
Inurrieta móstrase satisfeito coa decisión de apostar pola Rede xa que deste xeito, os cidadáns “terán un acceso máis doado a tódalas ventaxas que ofrece o Goberno de España para alugar vivenda asequible, a un prezo inferior ó do mercado e con tódalas garantías que a SPA ofrece”.
O devandito acordo ten cobertura estatal e vaille permitir a tódolos usuarios de idealista.com acceder á base de datos da SPA.
As vivendas que se atopan nesta web foron analizadas previamente pola SPA e están listas para ser alugadas nas condicións que ofrece este organismo público. Asemade, idealista.com vén de habilitar un microsite dentro da web para que os internautas poidan consultar directamente todo o produto que ofrece a SPA: http://idealista.com/spa.

PUBLICIDADE