A Sobroso Party chega á súa sétima edición con capacidade para 300 internautas

mércores, 3 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O mes de marzo vén completiño no que a xuntanzas informáticas para a mocidade se refire. Se neste mesmo medio informamos de Xuventude Galicia Net e da apertura do seu proceso de inscrición, agora toca facelo dunha party menos encamiñada a xuntar multitudes pero en termos cualitativos igual de salientable polo que ten de afianzamento da comunicación arredor da informática e os seus segredos. Estamos a falar da Sobroso Party de Ponteareas, un evento que este ano vai pola súa sétima edición (que en termos de Rede é unha longa experiencia) e que ofrecerá entre os días 26 e 28 de marzo todo tipo de actividades e recursos para que á mocidade deste concello pontevedrés e do resto de Galicia non lle quede ningún detalle da sociedade dixital por descubrir. A xuntanza, que ten un prezo de 18 e 12 euros (adultos e menores de idade), desenvólvese este ano co obxectivo de reunir a uns 300 participantes. Segundo informan os organizadores do encontro informático (os responsables do Departamento de Informática e Comunicación do Concello de Ponteareas), non haberá límite de idade para concorrer activamente na party.
O prezo inclúe:
- Un posto na sala de ordenadores con conexión eléctrica e de rede.
- Almorzo sábado e domingo.
- Cea Sábado.
- Chocolatada.
- Refrescos e auga mineral durante as 48h.
- Camiseta Oficial da Sobrosoparty.
- Participación nos concursos, relatorios e sorteos
Por certo que o prazo de inscrición para participar na xuntanza xa está aberto, e só é preciso formalizar a preinscrición e logo de recibir un correo da organización onde se dá conta dos pasos a seguir, levar a cabo o pagamento e a inscrición propiamente dita. Para calquera dúbida pódese consultar cos responsables da xuntanza por correo electrónico.
Pódese seguir a preparación do encontro na propia web do mesmo ou ben a través das redes sociais Facebook, Twitter ou ben no foro oficial. Dende a organización, animan aos internautas a comentar calquera suxestión que se lles ocorra para acadar a mellor edición 2010 da Sobrosoparty posible.

PUBLICIDADE