A Semana da Ciencia inclúe unha feira lúdico-dixital de matemáticas

martes, 3 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Hai materias de estudo que por si soas, tirando partido de formatos de comunicación tradicional, non semellan espertar grandes paixóns entre a mocidade. Un bo exemplo disto son as matemáticas. Porén, a chegada das novas tecnoloxías, do multimedia e da participación en liña (2.0) pode ser unha boa oportunidade para tirar abaixo atrancos na ensinanza. Esta arela de quitarlle ferro aos números é o xermolo de Matemáticas cotiás molladas en chocolate quentiño, xornadas dirixidas a favorecer o achegamento á ciencia da mocidade galega de entre 14 e 17 anos. A intención dos organizadores é pois facer uso das linguaxes de maior uso común entre os rapaces (linguaxes dixitais, artísticas ou de lecer) para loitar contra o elevado fracaso escolar relacionado coas matemáticas.
Máis polo miúdo, botarase man de material material multimedia, actuacións teatrais, creación e participación en páxinas web, vídeos, maxia, papiroflexia, sesións de debate e socialización dos coñecementos e experiencias adquiridas. O espazo elixido para estas actividades, inseridas na Semana da Ciencia galega, será a Facultade de Matemáticas de Santiago. Data e hora de celebración: 12 e 19 de Novembro de 16:30 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE