A Semana da Ciencia 2007 comeza este luns en Santiago cun acto de presentación científico-artístico no Café Casino

venres, 2 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

O ano 2007 vai rematar inzado de investigación, ou, polo menos, inzado de actividades organizadas a prol de dar a coñecer o traballo dos investigadores. Dito doutro xeito: achégase ó lonxe (pero non tan lonxe, xa) a nova edición da Semana da Ciencia, un evento que conmemora a nivel europeo os logros científicos da humanidade e, asemade, trata de poñelos o máis preto posible da cidadanía, tanto os do pasado como (sobre todo) os do presente. En Galiza, a entidade encargada de coordinar esta actividade divulgativa vai ser a Consellería de Innovación, que presenta este luns día 5 no Café Casino de Santiago (ás 11 horas) o programa desenvolvido para as xornadas comprendidas entre o día 5 e o 18 de novembro.
Ó acto de presentación da Semana da Ciencia 2007 (que inclúe eventos organizados por universidades, asociación e centros tecnolóxicos da nosa terra) acudirá o director xeral de I+D, Salustiano Mato. Tamén está previsto para a cita deste luns que Xesús Ron, do grupo de teatro Chévere, presente a actividade principal organizada pola Dirección Xeral de I+D+i, da Consellaría de Innovación e Industria, para a Semana da Ciencia deste ano: a obra de teatro científico Alá no fondo hai sitio abondo. Unha aproximación ao mundo da nanotecnoloxía. Trala presentación, e como adianto do que será a xira da obra, os actores do grupo representarán unha pequena peza da obra de teatro.

PUBLICIDADE