A Secretaría Xeral de Modernización está a traballar na superación das eivas dos concellos galegos no seu acceso á Rede

mércores, 16 de setembro do 2009 Redacción

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, recibiu en audiencia ao alcalde de Ortigueira, Rafael Girón no seu despacho de San Caetano.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, expresou hoxe o firme compromiso da Xunta de traballar para satisfacer a demanda de acceso a internet de todos os municipios de Galicia. Así llo trasladou este serán ao alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, con quen mantivo unha xuntanza de traballo para avaliar e coñecer de preto as necesidades en materia tecnolóxica deste concello.
No encontro, que se enmarca na rolda de contactos que a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está a manter cos diferentes concellos galegos, o alcalde de Ortigueira puxo de manifesto as carencias que padece este municipio no tocante ao acceso a internet, posto que a situación, dixo, segue a estar «moi afastada» das necesidades da poboación e das empresas alí afincadas.
Nesta liña, Rafael Girón saudou a próxima posta en marcha do Plan Director de Banda Larga, que a Xunta implantará a partir do vindeiro mes de xaneiro e que terá en conta as demandas das empresas, do sector público, e da poboación galega. A secretaria xeral, Mar Pereira, presentoulle os criterios que rexerán a elaboración deste Plan, que se realizará no derradeiro trimestre do ano, e no que se investirán 102 millóns de euros ata o ano 2013, fondos procedentes do Plan Avanza e de fondos FEADER.
O alcalde de Ortigueira manifestou a súa total dispoñibilidade e interese en colaborar coa Xunta de Galicia para acadar un mellor servizo de aceso á rede para os seus cidadáns.

PUBLICIDADE