A SITI/asLAN´2011 presentará en Madrid os casos de éxito TIC máis innovadores

luns, 4 de abril do 2011 Raquel Noya

Con motivo da 18 edición da SITI/asLAN´2011, unha feira para profesionais especializada en redes e tecnoloxías converxentes, Madrid vai dar acollida, do vindeiro 5 ao 7 de abril, ás entidades e organizacións máis salientables do Estado en materia de integración das TIC, as cales exporán a súa particular experiencia a través de distintos casos de éxito.
A SITI/asLAN´2011 vai ofrecer este ano a oportunidade de dispor dunha “visión actualizada, rápida e global da industria das redes e tecnoloxías converxentes en España”, así como das posibilidades que poden ofrecer a súa organización: innovación, capacidade, confianza, produtividade, eficiencia…
Farao a través da visión de distintas empresas e organismos visionarios neste eido, entre os que destaca a Universidade Pablo Olavide de Sevilla, que resultou gañadora da III Convocatoria de Casos de Éxito Innovadores en Administracións e Organismos Públicos levada a cabo, precisamente, para dar a coñecer os casos de éxito máis salientables de España a través dos propios responsables TIC.
Na actualidade, a UPO atópase inmersa nun proceso de implantación do Anel Científico para adaptar a súa Rede de Comunicación actual UPONET de 1 GB a 10 GB e a súa conexión á rede IRISNOVA-RICA, para satisfacer a crecente demanda de novas aplicacións.
As infraestruturas do Anel Científico contan con preto de 1.200 nodos activos entre plataformas de servidores, elementos de electrónica de rede, Sistemas de Seguridade, SAN, NAS, Backup, nodos Wifi e WiMax, denominando rede UPONET-INV a 10 GB. A rede está xestionada con Osmius, un Software Libre baseado en GPL2 que conta co patrocinio do Ministerio de Industria (programa Avanza I+D), Ministerio de Educación e Ciencia (Programa Torres Quevedos) e do CDTI.
Osmius é unha ferramenta de monitorización que nace como produto desenvolvido baixo a plataforma ACE de tecnoloxías abertas, e rexistra miles de descargas na súa versión libre dende o site da forxa.
Este produto, para todas aquelas persoas que o queiran analizar e probar de balde, tamén se encontra dispoñible na propia web de Osmius.
A presentación do galardoado proxecto Experiencia: Anel Científico cara aos 10 GB na UPO terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril pola mañá, e estará dirixida por Andrés Garzón Villar, vicereitor de Tecnoloxías da Información e a Comunicación da universidade sevillana. Agora o proxecto Anel Científico da UPO opta ao Galardón do Caso de Éxito máis Innovador e Exemplar.

PUBLICIDADE