A SGAE suxire que sexan as operadoras as que paguen polas descargas ilegais

martes, 28 de abril do 2009 Raquel Noya

O presidente do Consello de Dirección da SGAE (Sociedad General de Autores y Editores), Eduardo Bautista, vén de poñer sobre o tapete unha sorprendente alternativa á descarga ilegal de contidos (que a uns lles gustou pouco e a outros aínda menos) que máis que arreglar a polémica que existe en torno a esta temática, non fixo máis que avivala pois trátase, segundo eles, de que as compañías telefónicas e de acceso a Internet “paguen parte dos dereitos de autor das descargas que fan os seus usuarios pola Rede”; é dicir, que se aplique o que eles chaman, unha tarifa intelixente”.
Segundo Bautista, as compañías telefónicas son as que saben cal é o uso que fan os usuarios do seu repertorio, polo que, engadiu, “sería lóxico que foran tamén as encargadas de cobrarlles unha tarifa pactada polos dereitos de autor”.
As operadoras de telecomunicacións, pola súa banda, non viron esa dedución tan “lóxica” e logo fixeron público o seu descontento coa “brillante” idea da SGAE.
Estas entenden que a proposta de Bautista “torpedea” as negociacións que están a manter coa industria cultural para o control das descargas por Internet e dan a entender que cobrarlle outro canon aos seus clientes supón un “abuso” que non están dispostas a levar a cabo.
Debido a que os ingresos sociais da SGAE caeron un 11,5 por cento en 2008 e en vista de que non logran poñerlle fin ás descargas ilegais por parte dos usuarios de Internet, este organismo decidiu que os seus beneficios deberán provir das operadoras de telefonía e de acceso a Internet, as últimas cabezas de turco da Sociedade Xeral de Autores, contra as que Bautista cargou afirmando que “fan un enorme negocio coa distribución de datos”, un negocio no que, sen dúbida algunha, máis que porlle fin desexan participar.
A xuízo do directivo da SGAE, “se o público demanda cultura de balde, deberá ser o Estado quen a pague, como xa fai cos xuíces, os policías ou os maestros”. Aí queda iso.

PUBLICIDADE