A SGAE critica o modelo de negocio de Google

martes, 28 de setembro do 2010 Redacción

O subdirector xeral da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), Pablo Hernández, criticou a «opacidade» do modelo de negocio de Google e a posición dominante do xigante de Internet, que acapara máis do 90% das buscas na Rede, segundo un estudo do ICOMP.
Hernández aludiu a Google durante a celebración dunha mesa redonda na SGAE con motivo da presentación do segundo libro do ICOMP (Iniciativa por un Mercado Online Competitivo) titulado A Propiedade Intelectual en Internet: A busca de prácticas empresariais sustentables.
En opinión de Hernández, para os sectores baseados na información (música, noticias, videoxogos ou información audiovisual, entre outros) Internet supuxo un reto xigantesco porque entrou neles de forma avasaladora, ou que engadiu que «os contidos foron o motor do boom na industria tecnolóxica, aínda que se ben os creadores de contido achegaron moito, non viron desenvolvido o potencial de desenvolvemento dos contidos en Internet».
Neste sentido recordou como todos os sectores necesitan ter un retorno do investimento e, non obstante, a maior parte dos beneficios van parar actores que recorren a «atallos ou ligazóns» como YouTube.
O subdirector da SGAE entende que esta situación que constitúe a nova realidade produce un desequilibrio entre os provedores de contidos e os que facilitan o acceso a estes que «hai que solucionar».
En relación ao tema da neutralidade de Internet e do descoñecemento xeral dos parámetros de busca que emprega Google, Hernández afirmou que algúns son «evidentemente patrocinados» pero opacos, mesmo para as empresas que se benefician deles.
Ao seu entender, se esta situación non se soluciona, no futuro as empresas que perduren serán as que sobrevivan á crise e «as que se publiciten en Google».
Por outro lado, na mesa redonda tamén participaron o voceiro do ICOMP, Andrés Font Galarza; a directora da asesoría xurídica e secretaria do consello de Administración de Unidade Editorial, Irene Lanzaco; e a directora xeral de Estée Lauder España, Leticia Domecq.
Na mesma liña que Hernández, Lazcano aludiu á compañía de Eric Schmidt como «o xigante que todo o copia, todo o clasifica e todo o almacena». Neste sentido, fixo un percorrido polos litixios que a compañía acumula en Europa e asegurou que «está a realizar un abuso da súa posición de dominio nas buscas». «Google tiña moi claro dende o principio que quería catalogar toda a información e non lle importou como», engadiu.
A experta de Unidade Editorial criticou, ademais, «a pouca información que teñen as autoridades sobre unha compañía que ten tanto impacto no mercado español».
En relación á recente sentenza do litixio entre Youtube e Telecinco, afirmou que «deixa totalmente indefensos aos creadores de contidos que asisten día tras día ao espolio dos seus dereitos por parte de terceiros que sempre encontran unha vía de escape».
Sobre esta sentenza tamén se pronunciou o voceiro de ICOMP, Andrés Font, que asegurou que esta causou sensación a nivel internacional. Ademais, resaltou que no argumento da decisión do xuíz se demostra impotencia para decidir sobre esta situación.
Por último, a directora xeral de Estée Lauder, en calidade de representante da industria do luxo na mesa redonda, criticou como os motores de busca crean confusión no consumidor e distorsionan as marcas na rede, dado que en ocasións o consumidor non ten claro en que páxina está a entrar. Neste sentido, avogou pola «publicación dos seus criterios de busca».

PUBLICIDADE