A Redmi Pad SE chega a España a un prezo de 199,99 euros

luns, 21 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Xiaomi prepara a chegada a España da súa nova tableta Redmi Pad SE, que chegará a finais de mes a un prezo que parte de 199,99 euros para o modelo con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, aínda que cómpre salientar que quen reserve o modelo con 6 GB de RAM, valorado en 229,99 euros, poderá facerse con el por ese mesmo prezo.
O Redmi Pad SE funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 680, 4/6 GB de RAM LPDDR4X e 128 GB de almacenamento eMMC 5.1 (ampliable mediante tarxetas microSD de até 1 TB de capacidade), polo que sobra dicir que estamos ante un dispositivo bastante limitado en potencia, que está especialmente destinado ao consumo de contidos na súa pantalla de 11 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles cun refresco de 90 Hz e os seus 4 altofalantes compatibles con Dolby Atmos (contando tamén con toma para auriculares).
A tableta está equipada cunha cámara traseira de 8 Mpíxeles capaz de gravar vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo, e unha cámara frontal de 5 Mpíxeles capaz de gravar tamén en Full HD a 30 imaxes por segundo. A súa batería ten 8.000 mAh de capacidade e unha velocidade de carga de 10 watts. Como curiosidade inclúe adaptador de corrente.

A Redmi Pad SE está claramente destinada a consumir contidos audiovisuais

PUBLICIDADE