A Rede medra en servizos e guías para axudarnos a ter a mellor experiencia co comercio electrónico

martes, 26 de marzo do 2013 Redacción

O comercio electrónico semella traballar á inversa cá crise. Mentres esta se incrementa dramaticamente, aquel refórzase e experimenta importantes procesos de medre. Certo é que unha cousa non ten moito que ver coa outra, xa que a suba do ecommerce non implica que se merque ou se venda máis, simplemente indica que se merca e se vende máis en Internet. Con todo, non deixa de ser rechamante a devandita suba. O Informe de Comercio Electrónico do IV Trimestre de 2011 certifícanos este medre (do 25,7% en 2011 con respecto a 2010), un proceso que para a firma Elogia semella representar unha proba de que as ofertas on line amósanse inmunes ao ambiente de crise xeral. Isto polo que respecta ás boas novas. As relativamente malas teñen que ver, en certa medida, coa propia natureza do comercio, con independencia de que sexa electrónico ou non. Ou sexa, que cómpre animarse ao ecommerce, pero con idénticas precaucións que poríamos en xogo de irmos ao mercadiño ou de tendas. Para facilitarnos este cambio de costumes, figuran cada pouco na Rede recursos que actúan a xeito de guía.
Un dos máis recentes é o que vén de publicar Shoppydoo.es, a rede de comparadores de prezos e produtos. Máis polo miúdo, trátase dunha guía básica de termos para axudar a entender o funcionamento desta novas prácticas. Shoppydoo artellou esta guía en dúas partes. A primeira inclúe termos ou elementos que se poden atopar nunha páxina web (páxina de inicio ou portada, caixa de procura, selos de confianza e certificados, carriño de compra, códigos desconto, pasarelas de pago ou cookies). Doutra banda, a segunda parte deste manual debulla os tipos de páxinas que pode atopar un usuario en Internet co fin de poder distinguilas. Amais da de Shoppydoo, tamén temos en liña a exhaustiva investigación de INTECO (máis orientada aos vendedores que queiran pór seus artigos nas plataformas dixitais) ou, nunha liña semellante, O Libro Branco do Comercio Electrónico, elaborado e publicado por Adigital para favorecer as mellores prácticas neste ámbito. Atendendo máis ao consumidor, a organización FACUA tamén ten publicado interesantes consellos para non acabarmos ensarillados nunha das peores facianas visíbeis do comercio electrónico: o correo lixo.
Polo que respecta aos tipos de páxinas que figuran nestes e noutros manuais, temos primeiramente a tenda en liña, que é aquela onde podemos adquirir o produto ou servizo desexado e no que se debe ter en conta que unha tenda en liña á súa vez pode ter unha tenda física ou tradicional coas vantaxes ou inconvenientes que isto poida supor. Tamén están os marketplaces, que son emprazamentos en liña cuxa función consiste en ser puntos de encontro entre vendedores e compradores, onde se realizan as propias transaccións de compra/venda sen ser una propia tenda online. Os marketplaces xorden como unha resposta á procura de economías de escala por parte das empresas. Outro tipo de web é o club de vendas privado e outlets, que decote reúnen ofertas de artigos de marcas de luxo que, en ocasións, non posúen tenda na Rede ou non teñen experiencia en comercio electrónico beneficiándose do que estas lles pode achegar. Logo están os comparadores de prezos, plataformas que axudan ao usuario a atopar o mellor prezo na Rede (non son páxinas de venda directa, senón webs que comparan de forma rápida e sinxela produtos e ofertas das tendas online, ofrecendo ao usuario a mellor opción). E tamén tempos as web couponing ou páxinas de descontos (que ofrecen aos seus visitantes determinados cupóns descontos en diferentes establecementos, normalmente nun período de tempo moi curto) e máis as web de poxas.

PUBLICIDADE