A Rede galega achega múltiples xanelas á festividade das nosas Letras

venres, 7 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Novoneyra no Courel, fotografado por Ayako Sugitani

O 17 de maio xa era festa antes da chegada masiva de Internet, polo menos para as galegas e os galegos (que conmemoramos nesta data as nosas Letras e, polo tanto, a nosa lingua e identidade no mundo), pero dáse a circunstancia de que co espallamento da Rede a festividade adquiriu novos espazos de celebración e, tamén, algún que outro significado novo. En definitiva, cando a celebración dun coñecemento e dunha cultura específica (coma a nosa) coincide na mesma xornada co Día de Internet, sen que os que convocan unha cousa e os que convocan outra teñan a culpa, entón probablemente non quede outra alternativa que enguedellar ámbolos conceptos e a ser posible enriquecelos. Para enlear a situación, o 17 tamén se celebra o Día Mundial das Telecomunicacións. Así, tendo en conta esta cadea de acontecementos, case se sente un tentado de crer que non hai nada casual na mesma, e de que a Sociedade da Información, de poder facelo, sinalaríanos para que lle désemos a clave desta capacidade nosa de ser tan universais e locais ao mesmo tempo.
Leas aparte, e tal e como dixemos ao comezo, a festa das nosas Letras ten abordado novas dimensións dende o afianzamento da Rede, e un bo exemplo diso é o abondoso número de recursos sobre a festa da nosa cultura que se achegan arestora pola vía dixital.
Aquí van uns cantos exemplos:
www.diadasletrasgalegas.com
Web ben completiña sobre a xornada de festividade. Inclúe recursos sobre a historia da nosa lingua, os autores homenaxeados e ábrelle as portas á comunidade internauta para que achegue os seus propios traballos (narracións, poesías, fotos, debuxos) dende e para a nosa cultura. Isto último pode facerse a través de info@diadasletrasgalegas.com. gl.wikipedia.org
A Galipedia, a versión galega da Wikipedia, é unha ferramenta en liña de primeira para pórnos ao tanto da historia da festividade e da nosa lingua. Ofrece introdución, historia, ligazóns externas, notas bibliográficas e a listaxe completa dos autores homenaxeados, información disposta do xeito máis accesible, polo que se converte nunha fonte de datos ben salientable. Asemade, conta co engadido de ser un recurso en constante mellora e actualización, avalado por unha comunidade activa de membros que vai alén das 300 persoas.
www.letrasgalegas.org
Co apoio en recursos electrónicos e telemáticos da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, o Portal Biblioteca das Letras Galegas xorde co obxectivo de facilitarlles aos usuarios da Rede obras dixitalizadas da literatura galega de todos os tempos, dende as primeiras manifestacións medievais até a o día de hoxe.
www.culturagalega.org
Por tradición e por traballo despregado, trátase dunha das webs de meirande utilidade para achegarnos á realidade galega, tanto dende fóra dela como dende o seu seo. A web do Consello da Cultura Galega envorca estes días os seus esforzos en ofrecer a meirande información e o maior número de puntos de vista sobre a figura do homenaxeado neste ano nas nosas Letras: o poeta Uxío Novoneyra. A páxina ábrese en múltiples recursos: perfil biográfico, imaxes e un completo roteiro virtual sobre a figura do escritor do Courel que nos convida a percorrer o concello natal de Novoneyra (Folgoso) a través de diversos espazos biográficos e literarios propios de seu. O itinerario, desenvolvido pola empresa galega Etnoga en colaboración coa familia de Novoneyra, inclúe visitas a castros, lagoas, espazos literarios e biográficos, bosques, castelos e ruínas romanas. Para tirar partido do roteiro (que é virtual na Rede pero aplicable na súa totalidade ao plano real) en toda a súa potencialidade, nada mellor que usar os recursos en tecnoloxía GPS que ofrece, amais do que dá de si a súa combinación coa ferramenta Google Earth.
www.coordinadoraendl.org
A páxina da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística é estes días unha perfecta porta de entrada á figura do poeta homenaxeado este vindeiro 17 de maio, Uxío Novoneyra, e máis á propia festividade das Letras. Inclúe todo tipo de material didáctico sobre o autor de Os Eidos, traballos gráficos, audiovisuais e textuais sobre o poeta feito por alumnos de centros de ensino de toda a nosa xeografía, unha máis que completa listaxe de ligazóns externas de utilidade sobre Uxío Novoneyra e entradas a bibliografías e edicións conmemorativas desenvolvidas arredor da súa figura. Asemade ofrécese en libre descarga un importante número de publicacións dixitais sobre o poeta, entre outras moitas cousas (gravacións sonoras, vídeos, cancións, etc).
www.uxionovoneyra.com
Páxina aberta directamente ao diálogo coa comunidade internauta no que á figura de Novoneyra se refire, dispón todo tipo de formatos para informar polo miúdo sobre o poeta do Courel: textos (biografía, obras, etc), imaxes (galería de fotos que resumen a traxectoria vital do autor) e vídeos (Novoneyra en Barakaldo ou no 25 aniversario de Grándola Vila Morena, entre outras achegas). Asemade, inclúe unha interesante sección na que se dá conta polo miúdo das opinións que algúns dos máis destacados intelectuais galegos teñen da contribución artística e humana de Novoneyra.
www.realacademiagalega.org
Amais da información sobre a propia entidade que a fixo posible (historia, obxectivos, axenda de actividades), a web subministra información de primeira man sobre a festa das Letras e as figuras literarias homenaxeadas dende 1963, ano no que comeza de xeito formal a festividade co recoñecemento a Rosalía de Castro. A día de hoxe, e tendo en conta que todo na Rede é susceptible de ser aproveitado para atraer os nosos clicks (até a celebración do 17 maio, que aparece xa en múltiples páxinas como reclamo que logo, unha vez deixado atrás o Google, fica en nada), a web da RAG convértese nun acubillo de información fiable. Sobre Uxío Novoneyra, achega estes días un completo perfil da súa obra, a súa vida e a súa contribución artística e humana á nosa cultura.

PUBLICIDADE