A Rede de Telecentros de Comunicación estrea nova web
martes, 3 de febreiro do 2009
A Secretaría
Xeral de Comunicación vén de pór en marcha un novo portal web para dar
mellor acollida virtual á Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), co que se
quere potenciar o traballo en liña e achegar á RTC novas canles de comunicación
que lle dean pulo á colaboración a modo de “comunidade
social virtual”.
Os usuarios desta
web terán dende agora a opción de acceder á Comunidade RTC, o que permite que
cada Telecentro de Comunicación poida promover as súas actividades particulares
e poñelas en coñecemento dos demais centros e usuarios.
Polas súas
características, esta comunidade permite, asemade, a interacción entre os seus
membros dun xeito doado, co obxectivo de aproveitar as sinerxías entre os
concellos participantes da Rede de Telecentros de Comunicación e permitir que xurdan
proxectos comúns “extensibles a calquera
destes puntos de conexións”.
Por outra banda,
a comunidade conta cun blog que será alimentado por todos e cada un dos
telecentros integrantes na rede. Esta ferramenta abrirá unha nova canle de
comunicación cos usuarios aos que van dirixidas as propostas de actividade e de
formación da rede e será unha iniciativa moi útil entre os concellos
integrantes da RTC. Os eventos e a actividade neste blog poderá ser seguida a
través de subscrición RSS aportando presenza galega en Internet.
Asemade, a zona
de busca da páxina permite localizar os ditos puntos de conexión pola provincia
ou polo nome do concello no que se atopan, facilitando o acceso á información
de cada un deles.
Na actualidade, a
Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación
Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades da Coruña,
Abegondo, Arzúa, Boiro, Betanzos, Carballo, Ribeira, Santa Comba, Muros,
Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Quiroga, Melide, Monforte
de Lemos, Monterroso, Sarria, Viveiro, Santa Comba, Chantada, O Barco de
Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, A
Cañiza, Ponteareas, Pontevedra, Marín, Redondela, Tui e Vigo.