A Rede de Dinamización supera as 40.000 persoas inscritas

mércores, 1 de xullo do 2009 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información vén de dar conta dos usuarios e usuarias que, dende a súa creación en xaneiro de 2007, pasaron polos seus Centros de toda Galicia, e a cifra rexistrada a finais do pasado mes de xuño non puido ser máis satisfactoria: o total de persoas inscritas neste tempo foi de 40.670.
Xa nas últimas catro semanas, a Rede rexistrou 11.303 usos diarios das instalacións da Rede, nas que se impartiron 183 obradoiros e aos que asistiron máis de 1.000 usuarios.
Asemade, no mes de xuño, cubríronse preto de 1.700 horas con cursos, así como coa posta en marcha, en numerosos Centros de Dinamización, da Memoria dos Oficios, que segue executándose actualmente en moitos deles.
En resumidas contas, a actividade da Rede de Dinamización, lonxe de descender co paso do tempo, non fixo máis que subir como a escuma e os datos así o reflicten: dende a súa posta en funcionamento, os obradoiros levados a cabo foron 4.908, nos que se formou a 31.865 persoas durante 40.670 horas formativas. Asemade, o número de iniciativas foi igualmente moi elevado, ao rexistrarse máis de 350, todas elas cun alto grao de participación que elevou a cifra total a 14.352 persoas.

PUBLICIDADE