A Rede de Dinamización presenta o novo programa de actividades para novembro en varios dos seus Centros

xoves, 29 de outubro do 2009 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, na súa teima por levar as vantaxes das TIC a cada recuncho do país e rachar dunha vez por todas coa fenda dixital existente nalgúns sectores da nosa poboación, vén de anunciar máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías da cidadanía galega, que terán lugar no mes de novembro nos Centros de Sada, Moaña e Betanzos.
En Sada, concretamente, os obradoiros que se van desenvolver e as suas datas son os seguintes:
- Iniciación ao correo electrónico: con esta actividade preténdese que as persoas usuarias ao finalizala, sexan quen de crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Terá lugar do 2 ao 5 de novembro en dúas quendas: de 9 a 11 horas a de mañá e de 18:30 a 20:30 horas a de tarde.
- Iniciación á Informática: esta actividade tenta que as persoas usuarias sexan capaces de manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas ...) e funcionalidades básicas que ofrece un computador, neste caso usando un sistema operativo baseado en Software Libre. Desenvolverase do 9 ao 13 de novembro en dúas quendas, de 9 a 11 horas a primeira e de 18:30 a 20:30 horas a segunda.
- Procesador de textos: Writer: esta actividade pretende que o/a usuario/a ao finalizala sexa quen de crear e modificar un documento de texto empregando o OpenOffice Writer. Terá lugar entre o 16 e o 20 de novembro, de luns a venres, de 9 a 11 horas.
- Creación de presentacións: Impress: as persoas participantes ao finalizar este obradoiro serán quen de empregar OpenOffice Impress para crear unha presentación. Terá lugar do 16 ao 20 de novembro, de luns a venres, de 18:30 a 20:30 horas.
- Iniciación a Internet: este obradoiro pretende que os usuarios e as usuarias sexan quen de utilizar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa Rede. Haberá dúas quendas; a de mañá, do 23 ao 26 de novembro, de 9 a 11 horas e a de tarde, os días 23, 25, 26 e 27 de novembro, de 18:30 a 20:30 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla Seguridade en Internet o 24 de novembro, ás 19 horas. Estará impartida por dous formadores da Garda Civil, especializados no tema e será de entrada libre até completar aforo.
Por outra banda, o Centro de Dinamización de Moaña vén de anunciar que mañá venres, 30 de outubro, ás 12:00 horas, vai acoller unha charla sobre os aspectos máis destacables da banca en liña.
As persoas asistentes coñecerán de primeira man as vantaxes que nos ofrece Internet á hora de facer operacións bancarias, consultar os produtos contratados como contas correntes, depósitos, plans de pensións, os movementos realizados en ditos servizos, intereses, etc, así como as transferencias, xa sexan entre contas do mesmo titular ou deste a outras contas. Tamén se informará das medidas de seguridade que se deben adoptar á hora de empregar a banca en liña. As persoas interesadas en asistir a este relatorio tan só terán que dirixirse ao Centro de Dinamización de Moaña, situado na rúa Donato Bernández Sotelo, nº6, local G.
Por último, o Centro de Dinamización do Concello de Betanzos, vén de anunciar os obradoiros que vai desenvolver en novembro e que van dirixidos a aquelas persoas interesadas en iniciarse na informática e incorporar as novas tecnoloxías paseniñamente ao seu día a día.
Os obradoiros son os que seguen:
- Mecanografía para nenos e nenas: os días 2, 3, 4 e 5 de novembro de 19:00 a 20:15 horas.
- Mecanografía: este obradoiro, que vai dirixido a tódalas persoas sen límite de idade, desenvolverase tamén os días 2, 3, 4 e 5 de novembro, en horario de 16:30 a 18:30.
- Iniciación á informática: os días 2, 3, 4 e 5 de novembro a partir das 10:30 e até as 12:30.
- Recursos de interese na Internet: este obradoiro ten como finalidade dar a coñecer unha serie de páxinas web de grande interese para tódolos usuarios das novas tecnoloxías e Internet en xeral. Terá lugar os días 10, 11 e 12 de novembro de 10:30 a 20 horas.
- Iniciación ao procesador de textos Writer: os días 16, 17, 18 e 19 de novembro a partir das 10:30.
- Obradoiro de creación de blogs: os días 23, 24, 25 e 26 de novembro de 18:30 a 20:30 horas.
Asemade, este Centro, levará a cabo unha serie de charlas para presentar a iniciativa Memoria de Muller, que se levarán a cabo os días 16 e 17 de novembro a partires das 17 horas no devandito Centro.

PUBLICIDADE