A Rede de Destinos Turísticos Intelixentes aproba a adhesión de Turismo da Coruña

luns, 7 de xuño do 2021 S. P.

A quinta comisión plenaria da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) aprobou o pasado xoves a adhesión do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña como membro institucional desta rede. A comisión, que se celebrou en Benidorm (Alacante) no contexto do Congreso Dixital Tourist 2021 contou coa participación da entidade público-empresarial Red.es e da Federación de Municipios e Provincias (FEMP). A DTI, por certo, vén de superar a liña dos 300 membros.
O consorcio coruñés valorou o importante impulso que representa esta incorporación á súa política de competividade, unha política destinada a mellorar a calidade de vida das persoas residentes e a experiencia no destino dos visitantes a través e cinco eixos estratéxicos: gobernabilidade, innovación, tecnoloxía, sustentabilidade e accesibilidade. En última instancia, o consorcio comparte ao cen por cen os obxectivos da DTI: transformar os destinos turísticos con tecnoloxías intelixentes.
Reunión en FITUR
O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña decidiu presentar a súa solicitude para integrarse na Rede DTI despois de manter unha reunión en FITUR entre o presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez Marín, o director de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Turística, Carlos Romero, o presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, Juan Ignacio Borrego e a xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud.
SEGITTUR é unha sociedade dependente da Secretaría de Estado de Turismo que se dedica á xestión da innovación e as tecnoloxías turísticas. O seu principal obxectivo é achegar as novas tecnoloxías ao sector turístico.

PUBLICIDADE