A Rede acode ao rescate tras as explosións de Boston

martes, 16 de abril do 2013 Marcus Fernández

Con Google Person Finder podemos obter información sobre persoas que puideron verse afectadas polas explosións de Boston

Tras as explosións durante a maratón de Boston de onte, e ante a preocupación de moita xente para saber o estado de familiares e amigos, dende Google repetiron o xa habitual dispositivo de localización de persoas que estrearan no terremoto de Haití en 2010, de xeito que durante estes días está activo o Google Person Finder para localizar á xente que puidera ter desaparecido durante o rebumbio de onte, facilitando tanto a busca de persoas como a publicación de información sobre participantes na maratón e vítimas das explosións para que os seus coñecidos poidan ser se faleceron, están feridos ou non foron afectados polos incidentes.
Esta plataforma en liña conta actualmente con 5.100 rexistros, e complementa unha iniciativa semellante da Cruz Vermella chamada Safe & Well (Sano y Salvo). Temos así que a Internet convértese nunha fonte de información de grande utilidade ante catástrofes, como pasou durante a xornada de onte, onde plataformas como Twitter facilitaron información puntual sobre as explosións cunha axilidade moito maior á dos medios de comunicación tradicionais. De feito, o propio Departamento de Policía de Boston está a empregar Twitter para dar conta das novidades sobre o incidente, aproveitando esta canle para informar a cidadáns e a afectados.

PUBLICIDADE