A Rede Mentoring estrea bitácora de Internet

mércores, 21 de setembro do 2011 Redacción

A Rede Galega de Mentores, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través de BIC Galicia, amplía a súa presenza en liña coa creación dun blogue no que os mentores e as empresas de nova creación poderán compartir as súas experiencias e buscar resposta aos retos que se lles presenten. Deste xeito agárdase ampliar de xeito importante o abano de beneficiarios do labor da Rede Mentoring entre os novos empresarios galegos.
A apertura da nova bitácora da Rede Galega de Mentores responde a unha demanda repetida en numerosas ocasións nestes anos: a necesidade de que os servizos que a Rede Mentoring ofrece cheguen ao maior número posible de empresarios, de forma que moitas máis empresas podan beneficiarse dun programa punteiro en España, tanto pola calidade dos seus servizos como pola súa gratuidade e os resultados positivos que del se derivan para o emprendemento.
Este novo caderno en liña da Rede Galega de Mentores tamén terá presenza nas plataformas de redes sociais, en concreto a través do grupo Rede Mentoring en LindekIn, servirá tamén para achegar máis visibilidade á experiencia acumulada polos mentores e polas empresas participantes.
Neste blogue intervirán de xeito periódico expertos de recoñecida solvencia en diferentes áreas. Ofrecerá tamén un espazo de participación no que as empresas poderán realizar consultas ou expor os seus casos e servirá, en definitiva, para fortalecer a rede de apoio mutuo e dar maior visibilidade ás actividades e eventos profesionais de Galicia. Tamén servirá para analizar, máis allá dos proxectos mentorizados, casos de éxito localizados en Galicia e que podan servir como referencia para outros emprendedores.

PUBLICIDADE