A Rede Dixital de Emerxencias contará coa tecnoloxía máis punteira para o ano que vén

xoves, 15 de maio do 2014 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, avanzou hoxe que en xaneiro de 2015 producirase o acendido da Rede Corporativa de Comunicacións Móbiles Dixitais de Emerxencia e Seguridade de Galicia, que permitirá dotar a Comunidade do sistema de comunicacións máis moderno de España e coa tecnoloxía máis punteira. O Plan de explotación da rede aprobouse hoxe no Consello da Xunta co obxectivo de que ao longo deste ano se instale a infraestrutura necesaria para que a plataforma comece a funcionar.
O mandatario autonómico destacou na súa rolda de prensa tras o Consello da Xunta o traballo que vén realizando o Goberno galego para mellorar a resposta en caso de emerxencias, que se materializa no eido das infraestruturas; no consorcio coas deputacións provinciais para incrementar a cobertura dos parques de bombeiros; na posta en marcha da Axencia Galega de Emerxencias, que optimiza os recursos; e na sinatura de protocolos de coordinación con comunidades limítrofes, con organismos públicos e con empresas que teñen algún risco potencial.
Feijoo concretou que o plan de explotación aprobado hoxe establece que cada organismo integrado asumirá os gastos na parte proporcional dos servizos que empregue e subliñou que a adquisición dos terminais necesarios para empregar a rede realizarase mediante un acordo marco, aprobado hoxe tamén polo Consello, que determinará os modelos homologados e as posibles empresas subministradoras.
Logo de precisar que este modelo de compra centralizada permitirá a todos os organismos da Xunta que se adhiran adquirir os terminais a un prezo competitivo; Feijoo lembrou tamén que esta rede será xestionada pola empresa pública Retegal e empregará a tecnoloxía TETRA, a máis punteira e recomendada pola Unión Europea para este tipo de comunicacións vinculadas á seguridade pública.
Ao fío disto, resaltou que o novo sistema se caracterizará pola súa fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación das redes convencionais: garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía se colapsa; emprega dispositivos móbiles adaptados a condicións extremas; e permite as comunicacións en grupo e a integración cos sistemas de integración cos sistemas de telefonía fixa e móbil.
Ademais, posibilita a incorporación de diversos servizos como situar en tempo real a posición de todos os dispositivos de emerxencias vía GPS, envíos de mensaxes de texto masivas a persoas ou grupos, consulta de bases de datos ou a gravación de conversas durante o incidente.
A rede de emerxencias de Galicia tamén vai ser a primeira de España que incorpore a posibilidade de habilitar o servizo de datos mellorado que multiplica por 5 a velocidade de transmisión de datos con respecto ás redes de emerxencias convencional. Tamén contarase cunha estación base transportable, que poderá empregarse para un despregamento rápido de cobertura nunha zona de sombra ou aumentar a capacidade ante un evento que xere un incremente exponencial das comunicacións dos servizos de emerxencia e seguridade. Todas estas características, en palabras de Núñez Feijoo, “converten a rede de Galicia en referencia desde o punto de vista tecnolóxico e na máis ambiciosa de España”.

PUBLICIDADE