A Rede CeMIT pon en marcha novos cursos de alfabetización dixital para os colectivos con máis necesidades

luns, 26 de marzo do 2012 Raquel Noya

Imaxe da Aula CeMIT da Cañiza

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, CeMIT, vén de por a andar, no marco do seu Plan de Formación 2012, catro novos cursos de alfabetización dixital dirixidos aos colectivos con máis necesidades de formación neste eido no país, como son as persoas maiores, a infancia, as persoas desempregadas e os empresarios e empresarias, que obterán deste xeito os coñecementos necesarios para irse incorporando paseniño á Sociedade da Información.
Falamos de catro cursos de formación dixital básica que se impartirán nalgunhas das 98 aulas que a Rede CeMIT ten espalladas por toda Galicia. O primeiro deles é o de Iniciación á informática, que xa se viña impartindo e que agora terá dúas edicións específicas, unha para persoas maiores e outra para nenos, adaptando os seus contidos ás necesidades pedagóxicas de cada un destes colectivos.
Outro curso que se vai impartir desta volta nas distintas aulas CeMIT é o curso Google Apps, que lle mostrará tanto á cidadanía en xeral como aos autónomos e empresarios as posibilidades que ofrecen as aplicacións deste servizo proporcionado de balde por Google.
Por outra banda, dirixido máis concretamente ao colectivo de persoas desempregadas, o Plan de Formación da Rede incorpora ao seu temario o curso Elabora o teu CV, co que se pretende axudar ás persoas que o precisen a sacarlle o máximo proveito ao seu curriculum vitae botando man das ferramentas tecnolóxicas.
Tamén está previsto que os responsables da Rede CeMIT celebren nas vindeiras semanas outros 4 novos cursos presenciais cos que promover o uso das aplicacións ofimáticas entre a cidadanía, formando aos usuarios interesados en ferramentas como os procesadores de texto, as follas de cálculo, as bases de datos... a nivel usuario.
Por último, cabe salientar a celebración dun curso de Redes sociais dirixido especificamente ás persoas maiores, que se organiza para mellorar as características cognitivas e metodolóxicas deste colectivo.

Teleformación
Por outra banda, e segundo o previsto no devandito Plan de Formación 2012, a Rede CeMIT tamén porá en marcha novas accións formativas en liña a través do Espazo Multimedia de Aprendizaxe que se levarán a cabo antes do vindeiro verán.
A nova plataforma comezará a súa andaina con 9 cursos de formación a distancia, que son os que seguen: Gimp (Edición de Imaxes); Openshot (Edición e montaxe de vídeo); Audacity (Montaxe de audio); Elaboración de videotitoriais; Inkscape (Elaboración de carteis e folletos); Mecanografía; Abanq; Lei Orgánica de Protección de Datos; Exercita a túa memoria a través das novas tecnoloxías e Prevención de Riscos Laborais no uso das TIC.
Segundo veñen de informar os responsables da Rede CeMIT, no último ano esta entidade rexistrou 11.700 horas de formación en alfabetización dixital, e a previsión para o 2012 é, “aumentar considerablemente esta cifra ata superar as 20.000 horas de formación, que beneficiarán a máis de 15.000 usuarios”.

PUBLICIDADE