A Rede CeMIT celebrará o Día da Internet con actividades a prol da inclusión dixital

luns, 8 de maio do 2023 Redacción

A Rede CeMIT, liderada pola AMTEGA, participa nos actos conmemorativos do Día da Internet, que se celebra o 17 de maio, baixo o lema Cidadanía dixital: dereitos e oportunidades, organizados pola Asociación Somos Digital.
CeMIT desenvolverá unha sesión en liña para responsables de centros de competencias dixitais, en colaboración co GaiásTech, sobre a Inclusión dixital: a tecnoloxía como ferramenta de accesibilidade para a cidadanía, que terá lugar mañá de 10:00 a 12:00. Durante esta xornada, dirixida pola mestra en pedagoxía terapéutica e psicopedagoga Sara García, trataranse temas como o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), piar fundamental para o cambio cara á inclusión na formación.
A través desta sesión, a Rede CeMIT da continuidade á súa labor de impulso e mellora das competencias dixitais da cidadanía, así como a súa autonomía á hora de empregar a tecnoloxía, poñendo en valor o traballo realizado polo persoal dinamizador das súas aulas.

Actividades para celebrar o Día da Internet

A programación formativa compleméntase con outras dúas propostas impulsadas desde a Asociación Somos Digital. A primeira delas será o Escape Room Cidadanía Dixital e Dereitos Dixitais na aula, ao que se poderá acceder desde os centros de competencias dixitais de toda España entre o 16 e o 30 de maio. Trátase dunha actividade interactiva que permitirá realizar unha viaxe polo Mundo Dixital, realizando preguntas sobre que é a Cidadanía Dixital e cales son os dereitos dixitais que garanten o acceso, o uso responsable e a seguridade no uso diario da tecnoloxía.
O ciclo de webinars terá lugar entre o 4 e o 19 de maio e agrúpase en 4 temáticas: cidadanía dixital inclusiva, cidadanía dixital segura, cidadanía dixital e e-Administración e cidadanía dixital e dereitos, que responden á actividade de promoción e acompañamento aos distintos grupos de poboación que veñen realizando os centros de competencias dixitais.

PUBLICIDADE