A Rede CeMIT acolle este mes un curso sobre creación multimedia e web 2.0

luns, 12 de novembro do 2012 Redacción

Desde o vindeiro 19 de novembro e ata o 4 de decembro desenvolverase unha actividade sobre Creación Multimedia e Web 2.0 en 36 aulas da rede CeMIT, no marco do seu Plan de Dinamización 2012. Na metade das sedes o curso terá lugar de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e nas outras de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.
Esta actividade gratuíta de 40 horas ten por obxecto facer un percorrido polos procedementos básicos de creación de contidos adaptados á web, o proceso de obtención, edición e optimización, e finalmente publicación en servizos web 2.0. Contémplanse recursos de todo tipo: textos, imaxes, audio ou vídeo.
Os participantes na actividade obterán os coñecementos para xerar adecuadamente os contidos necesarios para a súa publicación nun blog ou algún outro servizo web 2.0, habilidades moi valoradas actualmente para moitos postos de traballo de diferentes sectores.
O curso desenvólvese en 36 centros da rede CeMIT mediante o sistema de videoconferencia, que permite a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas.
Na provincia da Coruña participan as aulas de Ares, Arzúa, Betanzos, Boiro, A Coruña, Ferrol, Fisterra, Narón, Negreira, Oroso, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Santa Comba, Santiago e Vimianzo. En Lugo as de Barreiro, Foz, Quiroga e Sarria. En Ourense as de Allariz, O Barco, A Cañiza, O Carballiño, Celanova e Ourense. E en Pontevedra as de A Estrada, Ponteareas, Pontevedra, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Neste momento aínda quedan prazas libres para algunhas das aulas participantes (concretamente en Arzúa, Negreira, Oroso, Vimianzo, Barreiros, Foz, Quiroga, Allariz e Celanova), segundo pode comprobarse dende a páxina web dos Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica.

PUBLICIDADE